Na altura dos 79 anos, o prestixioso xenetista desata un trebón de queixas polas súas opinións sobre raza e ciencia.
Nunha recente entrevista, James Watson afirma que as políticas occidentais cara a África foron "erradamente baseadas na asunción de que a xente negra era tan intelixente como a branca". Segundo Watson, as investigacións suxiren o contrario e na súa opinión os xenes responsábeis do estabelecemento de diferencias na intelixencia humana serán atopados nunha década.
A polémica é este mércores portada do xornal The Independent, onde lembran que ideas similares foron sostidas na década dos 90 a partir dun libro de Charles Murray onde se suxería que as diferencias no cociente de intelixencia eran xenéticas e se discutían as implicacións raciais. Lembran o xornal inglés que tales ideas xa foran ampliamente criticadas en todo o mundo por destacados científicos que cualificaran esa obra como un traballo de "racismo científico". Para os próximos días agárdase a saída do prelo dun novo libro do propio James Watson onde o investigador, que en 1962 recibiu o Nobel de Medicina polos seus achados sobre o ADN, afonda sobre ideas similares.