Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na tarde da segunda feira

Quedan en liberdade con cargos as 10 persoas detidas na manifestación de Galicia Bilingüe

As acusacións van de atentado á autoridade, até danos ou impedir o exercicio dun dereito fundamental. Aínda non se coñece a data do xuízo.

Redacción - 11:30 10/02/2009
Concentración, na mañá da segunda feira, fronte os xulgados de Compostela

Concentración, na mañá da segunda feira, fronte os xulgados de Compostela

Quedaron en liberdade con cargos as 10 persoas detidas este domingo por protestar contra a manifestación que o colectivo Galicia Bilingüe organizou contra a normalización lingüística na capital do país.

Os detidos, que estiveron unha noite nos calabozos da comisaría da policía española en Compostela, foron pasando a disposición xudicial por quendas, dende a mañá até última hora da tarde desta segunda feira. Perante o xulgado de instrución de Fontiñas, en Compostela, concentráronse, todo o día, perto de medio cento de persoas, que querían amosar a súa solidariedade cos detidos, e pedir a súa posta en liberdade.

Os primeiros en pasar a declarar ante a xuíza de instrución, Ana López Suevos, a media mañá, foron dous militantes de Ceivar e un militante independentista, que quedaron en liberdade, mais acusados de atentado á autoridade (o que supón de un a tres anos de prisión) e un delito de danos (de un a tres anos de prisión, e multa de 12 a 24 meses).

A primeiras horas da tarde declaraban tamén os tres militantes de Isca!, organización estudantil ligada ao BNG, que irromperan na manifestación do domingo disfrazados de vacas, cuns carteis nos que se podía ler "El gallego es para hablar con las vacas" ("O galego é para falar coas vacas"). Os dous mozos e unha moza están acusados de impedir o exercicio dun dereito fundamental, o dereito de manifestación, mais aínda non se coñece a petición de pena.

Concentracións solidarias cos detidos
Pola tarde, ás 20:00 horas, mentres algo máis de 200 de persoas se concentraban na Praza do Toural, en Compostela -tamén houbo concentracións en Vigo e na Coruña- reclamando a posta en liberdade dos catro detidos que aínda permanecían nos xulgados, sóubose os cargos que se lles imputaban a estes. Momentos máis tarde saían en liberdade as catro persoas que restaban por declarar: tres militantes de Nós-UP e o militante de Briga. Todos eles están acusados de desordes públicas -polo que poderían chegar a cumprir de seis meses a tres anos de prisión-, agás Carlos Morais, membro da dirección nacional de Nós-UP, quen está acusado de atentado contra a autoridade, polo que se pide de un a tres anos de cadea. Os tres independentistas terán que se presentar o día 15 de cada mes nos Xulgados, mentres non se coñece a data certa do xuízo, e Morais, polo seu lado, deberá acudir ás dependencias xudiciais os días 1 e 15 de cada mes. O fiscal solicitara para el prisión comunicada sen fianza.

Alén disto, Nós-UP vai presentar unha denuncia polas agresións sufridas durante a detención de catro dos seus membros. A diferenza da versión de Ceivar, os detidos de Nós-UP sinalaron que o trato na comisaría foi correcto.


5/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Durante a manifestación foron detidas 10 persoas / Imaxe: Galiza Indymedia
Durante a manifestación foron detidas 10 persoas / Imaxe: Galiza Indymedia
Momento no que deteñen ao membro de Nós-UP, Carlos Morais, cando aínda non partira a manifestación / Imaxe: Nós-UP
Momento no que deteñen ao membro de Nós-UP, Carlos Morais, cando aínda non partira a manifestación / Imaxe: Nós-UP
Algo máis de dous centos de persoas concentráronse en Compostela para pedir a posta en liberdade dos detidos / Imaxe: Nós-UP
Algo máis de dous centos de persoas concentráronse en Compostela para pedir a posta en liberdade dos detidos / Imaxe: Nós-UP