Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Informe do Relator Especial

A ONU critica a Lei de Partidos porque vulnera dereitos fundamentais

Di que permite considerar como terroristas condutas que non o son. Impedir a participación dun partido nunhas eleccións debería ser algo "excepcional", afirma.

Redacción - 13:00 06/02/2009
D3M, a nova aposta electoral 'abertzale'

D3M, a nova aposta electoral 'abertzale'

O Relator Especial da Comisión de Dereitos Humanos da ONU sobre a promoción e a protección dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais na loita contra o terrorismo, Martin Scheinin, destacou nun informe de 26 páxinas que a Lei de Partidos se está a aplicar no Estado Español a todo partido político que trate de alcanzar uns obxectivos similares aos perseguidos por ETA, aínda que o faga por medios pacíficos.

Por iso, dende a ONU recomendan adaptar as expresións pouco precisas da lei aos principios internacionais de liberdade de expresión. Tamén, piden medidas procesuais máis rigorosas á hora de lle impedir a un partido participar nas eleccións. Scheinin considera que impedir a participación electoral debe ser "de carácter estritamente excepcional e estar previsto na lei".

Outra das recomendacións que fai o representante da ONU ten que ver coa Audiencia Nacional. Pídelle ao goberno español que "considere a posibilidade de trasladar a competencia sobre os delitos de terrorismo aos tribunais ordinarios, en troques de a reservar para un só tribunal central especializado".

Igualmente, recoméndalle ao Estado Español que reduza o recurso á prisión provisional nos casos asociados á "noción de terrorismo", pide a "completa erradicación" da detención incomunicada, que se apliquen "sistematicamente" medidas de prevención da tortura e dos malos tratos, e que sempre que "haxa motivos para crer que se inflixiron malos tratos, se proceda a unha investigación pronta, independente, imparcial e completa e leve ante a xustiza os autores desas infraccións".

Consciente "da complexidade da situación de España"
O Relator é consciente "da complexidade da situación de España, pois ETA, ademais do seu brazo militar, pode dirixir e utilizar toda unha serie de asociacións non armadas". Con todo, asegura que "alberga reservas acerca dos elementos definitorios do termo 'organización terrorista' estabelecidos na mencionada causa, pois non parecen ofrecer suficiente precisión e poderíanse aplicar a actividades que quedan fóra do ámbito dos delitos de auténtico carácter terrorista".

Algo que "resulta especialmente importante se se ten en conta que se axuizaron as actividades dunha variedade de entidades, particularmente de empresas editoras de xornais, grupos políticos e asociacións de cidadáns, polos seus presuntos vínculos co terrorismo".


Ligazóns

5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: