Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estado das estradas

A neve afecta a circulación na metade oriental de Galiza

É preciso levar cadeas en dous portos da montaña luguesa. Nas últimas horas foise recuperando o tránsito normal na rede viaria galega.

Redacción - 18:00 06/02/2009
A neve afecta as estradas do leste de Lugo, máis tamén no Deza e en Verín / Flickr:  julioeiroa

A neve afecta as estradas do leste de Lugo, máis tamén no Deza e en Verín / Flickr: julioeiroa

18:00 horas: A rede viaria vai recuperando a normalidade, e só son precisas as cadeas para circular por dous portos de montaña de Lugo: na LU-701 no Alto do Acevo, na Fonsagrada; e na LU-633, no Alto do Poio en Pedrafita (Os Ancares).

Segundo información facilitada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), é preciso guiar a modiño, por causa da neve, nestas estradas da Comarca de Viana: na N-525, ao seu paso pola Gudiña; na A-52 en Cualedro e na OU-533 en Viana do Bolo. Tamén hai neve dificultando o tránsito na OU-536, en Esgos (Ourense) e na OU-0704 en Pobra de Trives (Terra de Trives).

A Comarca do Deza é a máis afectada pola neve na provincia de Pontevedra, mais arestora só hai incidencias na vía PO-840, en Agolada; e nas estradas PO-533 e PO-202, en Lalín.

Polo seu lado, a subdelegación do goberno español en Ourense informou que nesta sexta feira quedaron incomunicadas pola neve as localidades de Vilar e Vilariño, na Parroquia de San Xoán de Randín, no Concello de Calvos de Randín (A Limia); Azoreira, en Padrenda (Terra de Celanova); A Mota, A Hedreira e Camposancos, en Avión (O Riberiro); e diversas vilas do termo municipal de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), entre outras.

12:00 horas:
A media mañá da sexta feira, era preciso levar cadeas nos automóbiles en cinco portos de montaña para circular: na estrada LU-530, no Porto de Cerredo, na Fonsagrada, no Alto da Vaqueiriza, en Castroverde (Comarca de Lugo) e no Porto da Fontaneira, en Baleira (Comarca da Fonsagrada); na LU-701 no Porto do Acevo, na Fonsagrada; e na LU-633 no Alto do Poio, en Pedrafita (Os Ancares).

Segundo o balance facilitado polo 112, tamén é preciso circular a modiño e con precaución na C-530, en Castroverde (Lugo); na CRG 2.1, en Chantada (Comarca de Chantada); na LU-530 na Fonsagrada; na LU-122 en Mondoñedo (A Mariña); na LU-540, en Muras (Terra Chá); e na LU-161, en Viveiro (A Mariña).

A comarca do Deza, a máis afectada no centro galego
Por Pontevedra é preciso ter coidado ao transitar nas estradas da comarca do Deza, sobre todo no Alto de Dozón, na estrada N-525; nas N-640 e PO-840, en Agolada; na PO-534, AP-53, PO-206 e N-525 ao seu paso por Lalín; na PO-533, en Rodeiro; e EP-7201 e PO-212 en Silleda; así como na N-120, na Cañiza (A Paradanta); N-541, en Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes).

Na comarca de Ourense é preciso extremar a precaución na OU-536, en Esgos; e na Comarca de Verín en Castrelo do Val; e na A-52 ao seu paso por Laza e Verín. Por último, a neve afectou tamén as estradas da Comarca de Ordes, na Coruña. É preciso guiar a modo na AC-400 en Cerceda; na N-634 en Frades; e nas N-550 e AP-9, en Ordes. Tamén hai neve na AC-840 en Curtis (Betanzos) e na AG-64 en San Sadurniño (Ferrol).


Ligazóns

3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Nevando en Lugo, na mañá desta sexta feira / Flickr: joe_aesmorga
Nevando en Lugo, na mañá desta sexta feira / Flickr: joe_aesmorga
A neve dificulta a circulación polas estradas. Na montaña de Lugo é preciso levar cadeas / Flickr: darioalvarez
A neve dificulta a circulación polas estradas. Na montaña de Lugo é preciso levar cadeas / Flickr: darioalvarez