Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza-Norte de Portugal: Conferencia de Guimarães

A Eurorrexión futura: Á procura dun novo sistema xurídico, financeiro e de xestión

A cooperación transfronteiriza deberá centrarse nas cuestións cotiás que melloren a calidade de vida dos cidadáns: isto é "o que fai Europa".

Redacción - 11:25 06/02/2009
O Eixo Atlántico debatiu en Guimãraes

O Eixo Atlántico debatiu en Guimãraes

O Eixo Atlántico quere que a Comisión Europea elabore un Libro Branco de Cooperación Transfronteiriza, onde se inclúan as estratexias para 2013-2020 que se deben basear en tres eixos: novas formas xurídicas, novo modelo de financiamento e novas estruturas de xestión.

Esta é a idea principal defendida en Guimarães na conferencia de Cooperación Transfronteiriza de Segunda Xeración, promovida polo Eixo Atlántico e na que participaron esta cuarta e quinta feiras perto de 200 responsábeis das administracións públicas dos dous lados da raia.

O obxectivo da cooperación de segunda xeración é pular polo desenvolvemento da rexión coa aplicación práctica de cuestións cotiás que afectan ao seu desenvolvemento e que poden mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns; isto é "o que fai Europa", defenderon os relatores.

Novas formas xurídicas
As novas formas xurídicas, víronse cubertas en parte coa normativa de Agrupacións Europeas de Cooperación Transfronteiriza (AECT), que consideraron "un acerto" e unha "resposta á demanda existente", mais "claramente insuficiente" para os desafíos que están sobre a mesa.

Cómpre, sinalan, impulsar o desenvolvemento de novas formas xurídicas máis amplas tales como, por exemplo, as eurocidades.

Novo modelo de financiamento

Mais estas novas estruturas teñen que ir acompañadas dun novo marco financeiro, que deberá ter en conta tres ideas básicas: un, o diñeiro público "non é estanco nin pode duplicar o gasto"; dous, os fondos "non poden constituír cantidades débiles para accións simbólicas" (salientan a produtividade do período 2000-2006); e tres, "non se pode fomentar o desequilibrio" con dous niveis diferentes de achega, entre os FEDER dun e outro lado.

Novas estruturas de xestión

No que se refire ás novas estruturas de xestión, os relatores defenderon que as existentes funcionaron ao inicio, mais que ante os novos retos se está a producir "unha preocupante distorsión" de obxectivos estabelecidos.

Por iso, propuxeron a posibilidade de que as entidades de cooperación transfronteiriza existentes "se convertan en Axencias de Desenvolvemento Eurorrexional", coparticipadas por entidades públicas, axentes sociais e económicos e universidades, homologadas pola UE.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: