Mais insistindo na necesidade de facer tres "cara a cara" bilaterais. El participaría nun co líder do PSdeG e noutro co líder do BNG.
Feijoo xunto con Gerardo Conde Roa (PP de Compostela), esta quinta feira, presentado o programa de benestar do seu partido / Flickr: PPdeG
O presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, amosouse disposto a acudir ao debate proposto pola Galega para a vindeira sexta feira 20 de febreiro entre os tres principais candidatos ás vindeiras eleccións do 1 de marzo, el mesmo, Quintana e Touriño.
Porén, o candidato popular insistiu, outra volta, na necesidade de facer tres cara a cara bilaterais, polo que exixiu tanto a Anxo Quintana (BNG) como a Emilio Pérez Touriño (PSdeG), que sinalen se tamén aceptan esta fórmula. Un dos cara a cara sería protagonizado polo propio Feijoo e Quinta; o segundo tamén con Feijoo e Touriño; e un terceiro entre Touriño e Quintana.
"Eu levo meses aceptando debates"
"Nós aceptamos a súa proposta, e agora agardamos que eles acepten a nosa", expuxo o popular, apelando a que o seu partido "representa a case a metade dos galegos". Porén, os dous socios de goberno xa tiñan rexeitado a posibilidade dos tres debates, esta cuarta feira na xuntanza do Consello de Administración de la Compañía Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Aínda así, Feijoo insistiu, e instou aos dous políticos a "reflexionar" porque, segundo el, esta fórmula é "a máis democrática".
Nesta liña, Feijoo tamén recalcou que el mesmo leva "meses aceptando debates", lembrando que xa lle dixera que si aos organizadores do debate de Antena 3, á proposta de Televisión Española -ámbalas dúas cadeas prepararan senllos cara a cara entre Feijoo e Touriño- e o debate a tres da Galega, á que o líder popular cualificou como "a televisión da Xunta".