Segundo explica o afectado, o muro dunha vivenda de familiares directos do rexedor invade o viario público e limita as posibilidades de estacionamento.
Todo comezou en agosto do ano pasado, cando un veciño de Cedeira presentou no rexistro municipal unha denuncia contra a invasión que do viario público facía un muro dunha vivenda particular. Este peche, que pertence á vivenda de familiares directos do actual alcalde, Xosé Luis Vergara (PSdeG), xa leva varios anos construído, mais agora a súa situación está a impedir o estacionamento na rúa dos demais residentes na zona. Segundo explica o denunciante, recentemente situáronse nesta vía sinais de prohibido aparcar porque non ten o ancho suficiente (cinco metros), espazo co que si se contaría se se sumase o metro que ocupa o muro e que lle foi usurpado ao dominio público.
Logo de máis de catro meses sen recibir resposta, este veciño decidiu elevar a súa protesta até o Valedor do Pobo. Na súa queixa explica que o concello non tramitou a súa denuncia nin o alcalde a comunicou aos demais grupos municipais (BNG e TEGA) tal e como solicitaba o demandante. A cuestión non é menor, xa que no municipio de Cedeira conta cun goberno tripartito con representación destes tres grupos (PsdeG, BNG e TEGA). Ademais, asegura que se está a violar o seu "dereito a estar informado da tramitación e resolución da denuncia", polo que acusa ao alcalde de "deixación da defensa da legalidade e usurpación de facto da propiedade pública en beneficio de particulares", neste caso familiares directos do propio rexedor.
Pola súa banda, o Valedor do Pobo, Benigno López González, admitiu a trámite esta queixa urbanística dirixida contra o alcalde e iniciará as actuacións oportunas para esclarecer o sucedido. Asemade, xa pediu un informe municipal para contrastar os feitos.