Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Primeira xornada

A cuestión indíxena, a debate no Foro Social Mundial

Lembráronse os activistas asasinados e valorouse o traballo dos moradores da Amazonia na súa defensa. Esta quinta feira reúnense cinco presidentes latinoamericanos.

Redacción - 19:35 29/01/2009
Unha das imaxes da primeira xornada do FSM

Unha das imaxes da primeira xornada do FSM

O primeiro día de debates no Foro Social Mundial (FSM) -esta cuarta feira- centrouse nos temas relacionados coa Pan-Amazonia -que comprende parte do Brasil, Bolivia, Perú, Colombia, Ecuador, Venezuela, Güiana, Güiana Francesa e Surinam-, sobre todo cos pobos da selva, alén da preservación do medio e a loita contra as alteracións climáticas.

"O mundo todo está concentrado nas cuestións amazónicas, xa que esta selva ten unha función estratéxica na preservación do planeta. E aquí son os pobos indíxenas os que están a avisar do que acontece, amosando cal é a situación. Só eles teñen condicións para crear, xunto cos non-indios, as bases dun novo modelo de desenvolvemento", afirmou a coordinadora rexional do FSM, Audelice Otterloo nunha das primeiras palestras do día.

No debate tamén participaron o representante da Coordinadora Andina de Organizacións Indíxenas (Caoi), Miguel Palacín, -quen denunciou a criminalización dos movementos sociais nalgúns países da América do Sur, coma Perú-; o presidente do Fórum da Amazonia Oriental (Faor), Matheus Otterloo -quen fixo fincapé na idoneidade de desenvolver o Foro en Belém, capital da Amazonia, e denunciou os principais problemas ambientais que sofre a selva-.

Na xornada interveu, ademais, Daniel Souza, membro da Coordenação de Quilombolas do Estado do Pará, quen defendeu que, xunto cos indios, tamén os moradores do Quilombo defenden os bosques: "o indio é nativo e ao negro trouxérono, mas nós tamén somos da Amazonia. Nós somos menos do que os indios, mais descendentes dos escravos e moito temos sufrido. Agradecémoslles aos indios, porque se fuximos e nos agochamos foi grazas a eles, que coñecían a cachoeira, que coñecían a selva e que nos axudaron", defendeu.

Lembrando os activistas asasinados
Na tarde, chegou a quenda das homenaxes. Por un lado, lembrouse o líder ecoloxista e sindical Chico Mendes, quen foi asasinado hai xa 20 anos no Acre; e polo outro á misioneira Dorothy Stang e outros traballadores rurais e activistas da rexión, que morreron loitando contra as violacións dos Dereitos Humanos na Amazonia. Alén disto denunciouse as persecución doutros moitos activistas que mesmo están ameazados de morte no Estado do Pará e noutros lugares de América Latina e do mundo.

"O neoliberalismo desmorouse"
Tamén participou na primeira xornada do FSM de Belém o secretario xeral da Presidência de República do Brasil, Luiz Dulci, quen afirmou que a actual crise financeira mundial non é causa do desmoronamento dos bancos ou dalgunhas empresas, senón do neoliberalismo, que, ao seu ver, caeu por completo. Mais o política brasileiro tamén afirmou que non é necesario precarizar o traballo e reducir o emprego para enfrontarse á crise. No encontro tamén participaron sindicalistas da CUT (Central Única dos Trabalhadores), da UGT (União Geral dos Trabalhadores) e da Organização da Internacional do Trabalho (OIT) no Brasil e da Confederación Sindical dos Traballadores e Traballadoras das Américas (CSA), que falaron da posibilidade de construír novos modelos de desenvolvemento.

Esta quinta feira xúntanse os cinco presidentes latinoamericanos
Pouco antes do inicio do encontro entre os presidentes Fernando Lugo (Paraguai), Evo Morales (Bolivia), Hugo Chávez (Venezuela) e Rafael Correa (Ecuador), unha manifestación percorreu as rúas de Belém. Organizada polo PSTU, Conlutas, Intersindical e P-SOL, os manifestantes pedíanlle ao presidente brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva que decrete unha medida provisional para garantir a estabilidade do emprego.

"Lula estalles dando millóns aos banqueiros e os empresarios e até agora non garantiu a estabilidade do emprego. Só en decembro, perdéronse máis de un millón de postos de traballo", denunciou André Freire, da dirección nacional do PSTU.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo de chamada para asistir ao FSM. Nel hai imaxes da mobilización que abriu os encontros

Imaxes da mobilización que abriu o Foro Social Mundial nas rúas de Belém / Imaxes: Terraviva
Imaxes da mobilización que abriu o Foro Social Mundial nas rúas de Belém / Imaxes: Terraviva
Outra imaxe dos participantes na marcha / Imaxe: Michel M. Schettert
Outra imaxe dos participantes na marcha / Imaxe: Michel M. Schettert
Indios da Etnia Assurini / Imaxe: Michel M. Schettert
Indios da Etnia Assurini / Imaxe: Michel M. Schettert