O xornal inglés 'The Guardian' ponlles nomes e apelidos os responsábeis, por activa ou por pasiva, da actual situación.
Bush e Clinton están na lista
"O peor período de inestabilidade económico dende a Gran Depresión non é un fenómeno natural senón un desastre provocado pola man do home no que todos temos parte de culpa". O xornal inglés The Guardian sinala este luns os 25 principais culpábeis da crise mundial, dentro do seu especial Recesión no Reino Unido. Camiño á ruína.
Encabeza a lista Alan Greenspan, presidente da Reserva Federal dos EUA entre 1987 e 2006, que pasou de ser considerado un 'oráculo' da economía a un dos máximos responsábeis da actual situación financeira. Greenspan amparou as 'hipotecas subprime' e fixo todo o que puido para que non se fixese o que consideraba unha regulamentación innecesaria.
A crise das subprime comezou durante a presidencia de Bill Clinton, outro dos que aparecen na lista. O ex mandatario abriu a 'caixa de Pandora', que non pechou o seu sucesor George W Bush. Boa culpa disto tívoa o ex senador por Texas Phil Gramm, doutorado en Economía, que en 2001 afirmou nun debate no Senado: "Hai quen mira as subprime e ve o mal. Eu vexo o soño americano en acción".
Completan a selección de The Guardian banqueiros, directores de consellos de administración políticos e primeiros ministros, entre outros. Para finalizar, apunta media ducia de nomes: os dalgunhas persoas que viron chegar o trebón, mais que non se lles fixo caso. A maioría, como George Soros, seguen a ser multimillonarios.