Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mudamos espazo

A nosa opinión, a vosa opinión, a de todos

Avanzamos outro chanzo para ofrecervos de xeito máis atractivo a reflexión diaria sobre o país e contribuírmos entre todos a "pensar o mundo desde aquí".

Redacción - 13:20 26/01/2009

Ás portas do 13º aniversario de Vieiros, aproveitamos para achegarvos a nosa última novidade. Na intención de reforzar a aposta realizada até o de agora coa Opinión, mudamos a estratexia e o aspecto gráfico dese espazo. Por baixo do primeiro bloque de noticias do diario, poderedes ver desde este luns unha anovada caixa dividida en catro partes. A primeira dela recollerá os articulistas de referencia, con tribuna diaria. Na segunda estarán os columnistas sen periodicidade fixa. A terceira correspóndelle aos foros, cartas ao director e informacións que enviades ao Open Vieiros e na cuarta facemos destaque das novidades nos blogs. Ademais, en breve, neste espazo poderemos ler tamén os editoriais de Vieiros.

Que opinadores terán sección fixa en Vieiros?
A andaina semanal iníciase con sete dos xa habituais no diario, reconvertidos en articulistas de referencia chamados a analizar a actualidade semanal. De luns a domingo pasarán cadanseu día pola portada Marcelino Fernández Mallo, Camilo Nogueira, Eduardo Rego, Xosé Luís Sucasas, Xabier Cordal, Rafa Cuíña e Dani Álvarez. O primeiro bloque da sección de opinión recollerá no cabeceiro o artigo principal do día e os dos dous días inmediatamente anteriores.

Ás quendas nas que inicialmente participarán estes sete opinadores xa coñecidos dos lectores de Vieiros. Ademais, poderemos seguir lendo as reflexións doutros colaboradores que, sen periodicidade fixa, de cando en vez nos agasallan coas súas cavilacións. Son os artigos que poderán lerse baixo o epígrafe "Columnas".

Quero ser articulista, a onde envío os meus artigos? E as cartas ao director?
O voso espazo é o Open Vieiros. Aí podedes explorar a vosa vea como opinadores. Só precisades rexistrarvos como usuarios de Vieiros para deixar as vosas reflexións, tamén ao xeito do que en papel se coñece como "Carta ao director". Alén de que desta forma calquera internauta xa poderá ler o teu artigo, no seu caso, a redacción podería dirixirse a ti a través do correo electrónico para estudar a posibilidade de que outros artigos teus poidan aparecer na sección de "Columnistas".

E se teño unha noticia que contar?
O lugar é tamén o Open Vieiros. O "Vieiros Aberto" é un lugar onde deixar a túa propia noticia. Se es usuario rexistrado en Vieiros podes facernos saber de calquera actividade, suceso, aviso ou información. Por exemplo, desde este espazo e se formas parte ou simpatizas con algún colectivo social e che gustaría que a comunidade vieiresca coñeza puntualmente a súa actividade, ti mesmo podes subir as súas novidades.

Quero abrir un foro, como fago?
Tes que estar rexistrado como usuario de Vieiros, se non o estás vai ao espazo de rexistro e elixe un "Vieiros de meu". A continuación, en Open Vieiros, tes a opción Iniciar un debate. Os últimos debates propostos aparecerán referenciados na portada de Vieiros.

Podo contar o que me pete no Open Vieiros?
Independentemente da liberdade de opinión que che ofrecemos, si agardamos que recordes esta reflexión antes de escribir:

En Vieiros cremos que a verdade non é propiedade de ninguén, senón que se constrúe entre todos. Por iso, tamén estamos convencidos de que a participación dos lectores e lectoras engade outro valor aos contidos informativos. Pero este xogo ten as súas regras. O insulto, as descualificacións persoais e a linguaxe despectiva atrancan a comunicación libre. O diálogo establécese sobre as ideas, non sobre quen as emite. Por esta razón, eliminaremos os comentarios que non favorezan a liberdade e o razoábel intercambio de opinións. En beneficio da participación e do debate.

O blogomillo gaña protagonismo en Vieiros
Queremos que, tal e como nos demandastes algún de vos, os blogs sigan gañando visibilidade no diario. Por iso, as bitácoras galegas terán maior presencia e máis destacada en Vieiros. Desde primeira hora, convidarémosvos a consultar cinco reflexións de cinco blogueiros.

Sabemos do teu blog?
Remexemos diariamente no blogomillo, para coñecer o que están debatendo os bitacoreiros, e en función diso eliximos cinco propostas que poden ir mudando ao longo do día. Queremos saber da túa pegada no blogomillo. Fainos saber do teu blog enviándonos un correo a redaccion (arroba) vieiros.com para que o incluamos entre as bitácoras a revisar diariamente.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: