Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CERTAME DE MAQUETAS DE RADIO3

Catro bandas galegas nas semifinais do Proyecto Demo

Noise Project, Franc3s, The e Telephones Rouges dependen agora dos votos que se realicen a través da web para chegar á final.

M.S.P. - 10:15 25/01/2009

Galiza aumenta a súa representación no concurso de maquetas máis importante do Estado. O pasado ano, tres semifinalistas no Proyecto Demo de Radio 3, este ano un máis. Noise Project (Valga), Telephones Rouges (O Grove), The (A Coruña) e Franc3s (Carballo), que xa chegaron a esta peneira no 2008. Son trinta bandas de toda España, que dende esta semana e até marzo pelexarán acadar os votos necesarios para ser un dos tres finalistas. Un concerto final e un xurado decidirán o gañador, que actuará no Festival de Benicàssim.

Aínda que os gañadores e finalistas dos últimos anos (Gentle Music Men en 2008, Olimpic en 2007 e Tom Cary en 2006) non están tendo a proxección que tiveron as bandas protagonistas das primeiras edicións (El Columpio Asesino en 2001, Nadadora finalista en 2004, ou Standard, Garzón e Underwater Tea Party, os tres finalistas de 2005), o certame segue sendo un referente para as novas bandas. Até o de agora ningún grupo galego se fixo coa vitoria, pero si que Nadadora foi finalista, e bandas como Triángulo de Amor Bizarro, 6PM, Sebastopol ou Fanny + Alexander tiveron certa repercusión nas edicións que participaron.

Noise Project
déronse a coñecer en 2007 co seu álbum Teleclube, que terá a súa continuacióm esta mesma primavera cun novo disco, do que xa adiantaron dous temas no seu myspace ('A madalena' e 'Sempre me toca ser poli'), coas que participan no concurso. Finalistas de Nsaio no camiño e segundos clasificados no GZ Crea 2008, a banda amosa claramente as súas influencias, dende Mercury Rev e Spacemen3, até The Cure.

Telephones Rouges naceu en 2007, momento no que xa participaron no MarcoSonoro organizado por Sinsal en Vigo. En 2008 gravaron o seu primeiro EP, autoeditado. Allein, Biomasa ou Desiderio beben do noise, e en xeral de todo o rock independente de comezos dos noventa, das guitarras ruidosas de Dinosaur JR, Yo la Tengo ou Pavement.

"Imaxinade á Velvet Underground tocando canciones de Joy Division versionadas por The Screamers e os guitarristas de Sonic Youth". Así se presentan The, o trío formado por Jrucho, Miguel e Brais, que ofreceron o seu primeiro concerto no verán de 2008.

Por último, Franc3s presenta tres novos temas, presentes no álbum homónimo que comezaron a distribuír a finais de 2008: Pareja cósmica, Me gustaría verte sangrar e Devuélveme los estómagos que te regalé. Ao igual que as outras dúas formacións, o trío fai moito ruído, cun son sucio moi próximo a The Cramps ou Suicide e un imaxinario de referentes no que se mesturan Alaska, William burroughs, Robert Crumb ou The Devil and Daniel Johnston.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Como un caracol entre lobos', de Franc3s

'Cabeza' de Telephones Rouges

'A madalena', de Noise Project