"Antes era de pailáns reivindicar os produtos da terra e agora descóbreno como unha gran medida contra a crise", reprochoulle Quintana ao ministro de Industria.
"Nós, dende o BNG, sempre defendemos o dereito do pobo galego a producir e consideramos indispensábel manter a nosa capacidade de producir para mercar os produtos galegos", reflexionou o voceiro nacional do BNG este xoves durante a presentación da lista da formación política pola provincia de Lugo.
"Para o nacionalismo non hai unha Galiza costeira e outra do interior, só hai unha única Galiza", comentou o líder do Bloque durante a súa intervención nun acto electoral na vila de Chantada. "Só o BNG concibe o noso país como un todo harmónico, como esa cidade verde da que falaba Castelao", expuxo. Aproveitou ademais para ironizar co pasado político recente da provincia luguesa, indicando que a súa formación non entende "por que o señor Feijoo non quer debater co BNG". "Non era un renovador? Non se gaba sempre de ter acabado politicamente con Cacharro?", preguntouse Quintana, "entón, por que neste asunto se comporta como o fixo Fraga".
Quintana criticou ao respecto a Núñez Feijoo, acusándoo de facer o mesmo que fixera Manuel Fraga en outras campañas electorais. "O señor Núñez Feijóo fai o mesmo que fixo Fraga en 2005 negarse a debater co BNG e eu vouvos dicir por que: porque teñen medo á Galiza do futuro, á unidade e á confianza no país que simboliza o BNG. Porque o PP só simboliza o pasado, a crispación, o veto e a división", denunciou.