Un grupo dunhas 50 persoas, autodefinido como "monárquico ortodoxo" pediu diante do mausoleo unha "modesta tumba" en San Petersburgo.
Cadáver de Lenin
Un grupo de xente nova xuntouse perante o mausoleo de Lenin, na Praza Roxa de Moscova para pedir que se enterren os restos do líder bolxevique, cando se fan 85 anos da súa morte. A convocatoria, á que asistiron unhas 50 persoas disfrazadas de momias, fíxose a través da internet, no que se coñece como flashmob.
Os organizadores, que ademais levaron pequenos cadaleitos co nome de Lenin, defínense como monárquicos ortodoxos e pretendían mesturarse coa manifestación comunista que organizou un desfile e unha ofrenda floral perante o antigo líder.
O grupo pretende que Lenin sexa sepultado nunha modesta tumba no cemiterio de San Petersburgo, onde "hai espacio abondo para que os comunistas honren a súa memoria tranquilamente". Consideran que o mausoleo vai contra as ideas de Lenin, que "sempre preferiu a sinxeleza ao luxo faraónico", que supón unha "profanación do seu corpo, doutrina e ideais".
Segundo as últimas enquisas, dúas de cada tres persoas rusas están a favor de enterrar a momia de Lenin, fronte a un 25% que prefire deixala no mausoleo.