O volume, promovido pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, foi presentado na Coruña polo autor e Manuel Rivas.
O 3 de marzo de 1937 as autoridades franquistas abortaron un intento de fuga, o camiño á liberdade un grupo de entre sesenta e cen militantes de esquerda que querían fuxir da Coruña cara a zona republicana por vía marítima. Forzas da garda civil e militares da batería do monte de San Pedro comezaron a bater a zona ata que localizaron un numeroso grupo de persoas na enseada do Portiño. As batidas continuaron por toda a noite, matando a garda civil a varias persoas, e morrendo afogados moitos outros, buscando a fuxida. Ademais, os franquistas capturaron vinteoito persoas; quince foron condenadas á pena de morte e fusiladas en Punta Herminia.
Aínda que conseguira fuxir en primeira instancia do Portiño, o militante do sindicato da Construción da CNT José Antonio Boedo Núñez (irmán de Pucho Boedo), foi detido a comezos de xuño de 1937, xulgado e fusilado o 11 de setembro. Correu a mesma e fatídica sorte que tempo antes tivera o seu pai, o vello militante do Sindicato da Construción José Boedo López.
Dende hai meses a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) está a realizar varias actividades para homenaxear ás persoas que perderon a vida no Portiño e as que foron fusiladas no Campo da Rata posteriormente. En abril de 2008 inaugurouse no propio Portiño un monumento, nun acto ao que acudiron unhas 500 persoas. Así mesmo, editouse o xornal A Gaceta do Portiño, e preparouse unha unidade didáctica para enviar aos centros de ensino. Esta unidade didáctica ten como centro un cómic do ilustrador betanceiro Xosé Tomás, que se presentou este mércores na Coruña, coa intervención de Manuel Rivas
A obra Compañeiros: Homenaxe ás vítimas do Portiño foi presentada no XIV Encontro Luso-Galaico-Francés de Literatura Infantil e Xuvenil de Porto. E tamén está prevista a súa presenza no Saló del Cómic de Barcelona, que neste 2009 terá a Galiza como país convidado. Os paneis de todas as páxinas desta publicación estarán expostos ao público na Casa Museo Casares Quiroga. Para marzo está prevista a presentación dun libro sobre os mortos do Portiño, con toda a documentación recollida por un equipo de historiadores que traballa coa CRMH.
Porque non nos deixan cruzar os ríos,
cruzaremos os mares, está claro.
Porque non nos deixan cruzar en barco,
cruzaremos en latas de sardiñas.
Extermínanse os soños no Portiño
como a néboa sen luces cara os fondos. (Ámote, anarquista. Claudio Rodríguez Fer)