A reforma da Lei de Estranxeiría anunciada polo goberno español limitará o dereito de reagrupamento familiar.
Galiza Acolle traballa cunhas tres mil persoas coas que se implica en diferentes iniciativas
"En cada modificación da Lei de Estranxeiría pensamos que non se pode facer máis restritiva, e sempre nos enganamos". Así de contundente se amosa Antonio Cepeda, presidente de Galiza Acolle, unha asociación que traballa pola integración e interculturalidade en contextos de inmigración dende hai xa máis de cinco anos. Logo do anuncio do executivo estatal da reforma da Lei Orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros no Estado Español, este colectivo que presta os seus servizos a unhas tres mil persoas en Galiza, está a denunciar o compoñente de ameaza cara os dereitos fundamentais do individuo que comportará este cambio lexislativo.
Reagrupamento familiar
Os inmigrantes cunha segunda autorización de residencia (máis dun ano de estancia legal) poderán reagrupar ao seu cónxuxe (ou á súa parella de feito) e aos fillos de ambos menores de 18 anos. Porén, para reagrupar aos seus ascendentes deberán ter un permiso de residencia de longa duración (o que até o de agora se chamaba residencia permanente e que só se consegue logo de cinco anos de estancia legal no país). Aínda máis, estes ascendentes deberán de ser maiores de 65 anos, co obxectivo de que a súa chegada non teña impacto no mercado laboral.
Este punto é o que Cepeda considera que terá maior repercusión en Galiza: "o feito de que se introduzan este tipo de restricións é moi negativo, hai que ter en conta que é fundamental salvagardar o dereito a vivir en familia, xa que dificilmente poderemos falar de integración social e cidadanía se se dificulta a vida familiar". Neste senso, subliña a importante presenza de inmigrantes latinoamericanos en Galiza e asegura que "mal estamos a devolver o favor que nos fixeron hai anos". Nunha boa parte destes casos, a difícil situación do mercado laboral non fará que este colectivo volva para o seu país, mais dificultará as súas vidas ao manter separada á súa familia: "estamos a recibir persoas e hai que telas en conta coma tal, non como man de obra para cubrir as necesidades da nosa economía".
Outras modificacións
A reforma da Lei de Estranxeiría introducirá outros cambios, se ben con menor repercusión en Galiza. Un deles é a ampliación do período de retención: os estranxeiros que se atopen en situación irregular poderán ser sometidos a un tempo de internamento de 60 días, prorrogábel até outros 10 días en casos excepcionais. O Ministerio do Interior xustifica este incremento (até o de agora este prazo era de 40 días) na complexidade das repatriacións. Galiza Acolle considera que "a privación de liberdade por unha falta administrativa debería ter carácter excepcional" ao tempo que recorda que "as condicións de vida nalgúns centros de internamento vulneran os dereitos humanos dos internos, tal e como teñen posto de manifesto os informes de diferentes organizacións sociais".
A nova lei tamén garantirá o dereito á educación para todos os estranxeiros (con ou sen papeis) menores de 18 anos, mentres que até o de agora só estaba garantido o estudo da ESO. Con todo, Cepeda subliña que "o Tribunal Constitucional xa ten recoñecida a educación como un dereito fundamental, polo que esta non é máis que unha adaptación á normativa estatal".
Outras modificacións contemplan: o aumento de sancións económicas para todas as infraccións, a obriga para os empresarios que contraten inmigrantes en situación irregular de pagaren os gastos que ocasione a súa repatriación ou un maior castigo para os matrimonios de conveniencia, entre outras.