O goberno hebreo contrata persoas para que comenten ao seu favor en blogs antisionistas, mentres as webs israelís son albo de ataques de piratas informáticos pro-palestinos.
Web israelí atacada por piratas informáticos exipcios
O conflito entre Israel e Palestina ten tamén o seu reflexo na internet. Por unha banda, estase a librar unha batalla propagandística a través de blogs e foros de opinión. Para contrarrestar as opinións antisionistas, o Ministerio de Inmigración de Israel confirmou que estaba a organizar un "exército de blogueiros".
O programa está formado por cidadáns voluntarios que falen algunha lingua estranxeira para representar a voz de Israel nos "blogs antisionistas" en linguas como o inglés, o francés, o castelán ou o alemán. Unha das primeiras voluntarias, segundo informou Haaretz, foi Sandrine Pitousi, habitante de Kfar Maimon, a cinco quilómetros de Gaza, que se uniu despois de oír falar do proxecto.
O goberno israelí pretende "aproveitar o enorme potencial de máis dun millón de persoas cunha segunda lingua nai", segundo dixo o director xeral do ministerio, Erez Halfon. Os voluntarios téñenlle que enviar os seus datos persoais ao ministerio, que os dirixirá ás webs "problemáticas".
Esta reacción do goberno israelí parece demostrar que a opinión xeralizada a nivel internacional é, maioritariamente, antisionista. Outra mostra disto son os ataques informáticos que están a ter como albo webs israelís.
Grupos de crackers deciden buscar puntos febles nas páxinas de Israel para cambiarlles o contido por mensaxes antisionistas. Unha das últimas vítimas foi a da emisora de radio 102 FM, que, até a súa restauración, contiña mensaxes condenando a guerra en Gaza e chamando á destrución de Israel, todo isto acompañado de imaxes de bandeiras israelís e estadounidenses ardendo e fotos de nenos palestinos feridos nos ataques.
Os piratas informáticos árabes dispoñen de diversos foros, como Arabic Mirror, onde fachendean das súas 'fazañas' e mesmo copiten entre si por quen lles "cambia a cara" a máis webs. Os seus ataques son sobre todo contra páxinas israelís, mais non exclusivamente.