O director do colectivo galego Pallasos en Rebeldía e do Festiclown, Iván Prado, fainos chegar a súa sétima crónica dende Chiapas.
Traballar con rapaces e rapazas de 12 anos en territorio zapatista non ten nada que ver con facelo na Galicia post-Fraga. Se nos Campactiva -colonias para a rapazada sen recursos económicos nin sociais que facemos en Coperactiva Cultural- os conflitos nacían por se fumaban "maría" ás agachadas, aquí o maior problema é se teñen pena -vergoña- de facer clown. Nós, aló, tiñamos que vixiar que na noite non andasen a fuxir dos cuartos. Aquí, eles e elas encárganse de erguerse en quendas dunha hora para ir facer garda a un lugar escuro e frío do caracol, por se atacan os paramilitares.
Esta noite, unha chuvia interminábel ameaza con sacarnos a todos de aquí flotando. Mentres a maioría descansa, tres rapazas de entre 10 e 12 anos están nun refuxio minúsculo, ao pé dun outeiro, facendo garda. Así é esta loita, igualitaria e fodidamente real. Aquí non hai escenarios de cartón pedra, nin personaxes da grande pantalla. Todo o que vemos é real coma o vento que nos está a deixar as cousas de teatro e a alma empapadas. Tan real como o Candelario -10 anos-, de pouco máis dun metro, subido nuns zancos do mesmo tamaño ca el -por certo, non nos sorprendeu velo cun machete, na madrugada, facendo o relevo masculino da garda-, ou coma os fusís de madeira que nestes días proliferan no caracol.
A secundaria zapatista, posibelmente chea de deficiencias e dalgún que outro desaxuste, é un modelo realmente alternativo de educación. Os formadores son indíxenas, os coordinadores tamén. As materias saen dunha mestura entre leccións revolucionarias e sistemas importados dos pedagogos da UNAM, e durante tres anos seméntase luz e ganas de loitar pola dignidade de pequenos e pequenas, que ao seu regreso á comunidade esparexerán coñecemento e realidade, unha nova realidade.
Así se constrúe esta revolta dende abaixo e á esquerda, por iso non importa que non deixe de chover ou que faga frío. Eses rapaces e rapazas están facendo a garda dun futuro mellor.