Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DA DIGNA RABIA V

O zapatismo atravesou a miña vida, fixo de rizoma e de metáfora

O director do colectivo galego Pallasos en Rebeldía e do Festiclown, Iván Prado, fainos chegar unha nova crónica dende Chiapas.

Iván Prado - 17:30 19/01/2009

Hai trece anos un aspirante a teatreiro que se instalara en Madrid no seu primeiro exilio voluntario, despois dun naufraxio radical no sindicalismo galego de pseudoclase, chegou á realidade chiapaneca zapatista e indíxena. E fíxoo dobremente, porque así se chamaba a primeira comunidade que coñecín.

Desde aquela todo na miña vida cambiou. Deixei a compañía de teatro madrileño-parisina e, por segunda vez, deixei o mundo do teatro -a primeira vez foi cando me dediquei por completo ao sindicato-, para meterme de cheo na creación de colectivos prozapatistas, movementos antiglobalización e redes de comercio xusto.

Polo zapatismo, ademais, coñecín a Ángel, Roxo, Rosa, Pablo e Fran. Todas elas persoas imprescindíbeis no proxecto da miña vida: Coperactiva Cultural. De feito, se existe Coperactiva Cultural como a máis alternativa empresa de xestión cultural en Galicia é por influencia do zapatismo. Polo zapatismo entrei no afastado mundo dos dereitos humanos e, polo zapatismo, tamén volvín actuar e a recuperar a miña faceta de clown, desta volta internacional.
Até produtores de documentais somos movidos polo noso amor ao zapatismo e a estes pobos. E todo isto, moitas veces inconscientemente, sen decatarme do fondo cambio que estaba a vivir. Mesmo moitas destas experiencias nacían da miña frustración como neozapatista na distancia, crise de relación incluída.

Pero hoxe, no último dia do festival, todo isto quedou ao descuberto, as néboas da memoria desapareceron, as dúbidas da crítica desaforada autodisolvéronse.

Daquela, os indíxenas e os mestizos viven ou non viven sobre a nai terra? Así de directo comezou o tenente coronel insurxente Moisés. Se todas vivimos nela pensemos que construímos sobre ela, se iso beneficia a todas ou non, ou, volve a preguntar, a nai terra non nos carga? Ou é que nós podemos cargar a nai terra; apenas cargamos un par de metros cando nos enterran nela, cando volvemos a ela, non cargamos a terra. só a acompañamos cando volvemos a ela.
Intres antes, eu non puiden conter as bágoas ante a entrada dos diferentes millos que as mulleres e homes de diversas partes da república indíxena de México entregaban á comandancia. Nun acto sumamente poético, Juan Chávez revélabanos a nosa verdadeira procedencia.

Marcos fixo un dos discursos máis enteiros que lle recordo. Palabras sobre a diferenza e a loita, 25 anos de coherencia e derrotas envolvidas de grandes éxitos. Palabras que me tocaron ben dentro, pola poética crueza e, entón, xorde unha pregunta reflexa: E nós que?

Que éxitos temos que celebrar en Galicia, malia ser tras a derrota, que nivel de radicalidade e verdade que camiña aplicamos á nosa vida? Mesmo no meu caso persoal, pregçuntome se conseguimos os nosos obxectivos nestes nove anos de Coperactiva Cultural.

De que serviu apostar por concellos aparentemente progresistas e erguer artefactos culturais, que nunca pasan do voluntarismo e están incompletos por mor da incompetencia calculada e interesada da administración do bipartito?
Acaso podemos empezar unha fonda transformación da realidade galega a partir de intervencións cultural a medio prazo, tal e como pensabamos aló polo 99?

Que movementos sociais están hoxe traballando pola radical construción dun mundo alleo ao capitalismo que tan ben lle fai á humanidade?

Preguntas que me xorden ao escoitar a Marcos e a todos os poñentes que durante catro días ergueron campos de batalla e escenarios de amor revolucionario.

Catro días que cambiaran o mundo, empezando polo meu persoal.

Catro días que serviron á poesía do cosmos, ao socialismo creativo e radical, á democracia mundial ingresada na "UCI" do politicamente correcto. Catro días que serviron ao camiñar dos pobos indios polos corredores da historia. Catro días que son 25 anos, 15 anos, 13 anos e posiblemente o resto da miña vida.

Ou para que nunca máis exista o vostedes.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: