O xefe do Executivo agarda que todas as medidas que tome a dirección da empresa sexan pactadas e que non representen ningún despedimento.
"Estamos traballando para que non se extingan contratos". Estas foron as palabras de Emilio Pérez Touriño ao remate do Consello de Goberno deste xoves. Mentres, en Vigo a dirección da planta do grupo PSA-Peugeot-Citroën mantiña unha xuntanza co comité de empresa para aclarar os termos nos que a baixada de ventas (que xa chega até o 30%) seguirá afectando aos traballadores.
Emilio Pérez Touriño adiantou ademais que a intención do executivo galego é mediar para que "todas as decisións sexan pactadas", e que vaian na liña de "flexibilizar e acomodar horarios e xornadas". Estas declaracións fanse na mesma semana na que a dirección da planta automobilística propuxese aos sindicatos reducir a produción de coches en febreiro. Actualmente a planta viguesa conta con preto de 1.400 empregados menos que hai un ano, logo de que máis de 800 traballadores con contratos temporais quedasen sen o seu posto por mor da supresión da quenda de noite da liña que fabrica o modelo C-4 Picasso.
Finalmente, o xefe do executivo galego tamén adiantou que o vindeiro luns o Ministerio de Industria publicará a orde que regule o Plan de Industria e Competitividade do goberno central. O Conselleiro de Industria, Fernando Blanco, xa barallara a posibilidade de que Galiza reciba máis de 250 millóns de euros para o sector do automóbil no marco desta iniciativa. Con todo, Touriño avogou tamén por outras medidas adoptadas no ámbito galego, en concreto no marco do Foro da Automoción.