Timothy Geithner asegura que o burato de máis de 25 mil euros débese a "un erro involuntario".
O gabinete de Obama defende a idoneidade de Geithner para o Departamento do Tesouro
O Senado estadounidense, nomeadamente o bando do Partido Republicano, remexe duro estes días no pasado dos candidatos a formar parte do executivo de Barack Obama, que a partir do próximo día 20 de xaneiro accederán aos seus cargos.
A busca de puntos escuros nas biografías e as contas dos designados por Obama topou esta semana con Timothy Geithner, ex presidente da Reserva Federal de Nova York, a quen un senador republicano acusou de non ter pagado durante catro anos unha parte dos impostos aos que estaba obrigado. Especificamente, a débeda contraída coa Facenda acumulouse nos anos que Geithner traballou en Washington para o Fondo Monetario Internacional. Ademais, tamén se lle critica que tivese durante un tempo na casa unha empregada do fogar sen permiso de residencia e traballo.
O equipo de Obama admitiu as acusacións, malia xustificar que xorden de "erros involuntarios" de Geithner e anunciar que xa puxo ao día as contas. Ao tempo, o gabinete do presidente electo defende a idoneidade de Geithner para o Departamento do Tesouro, o equivalente estadounidense a un Ministerio de Finanzas.