As temperaturas non experimentarán cambios significativos, e continuará a sensación de frío durante este venres.
A neve caída na madrugada da quinta á sexta feira está a dificultar o tráfico en diversos puntos da rede viaria. Na estrada LU-540, ao seu paso por Ourol (A Mariña Occidental), cómpre o uso de cadeas entre os quilómetros 19 e 31.
Tamén houbo nevaradas no centro do país: na Golada, Lalín e Dozón (Deza) e nas comarcas de Chantada e Sarria; máis ao occidente: en Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes); e no sur: As Neves (O Condado). Na parte suroriental, o nivel verde mantense entre os quilómetros 112 e 265 da A-52.
Ademais de nas zonas montañosas (Ancares, O Courel), nevou tamén na capital do país, aínda que non provocou incidencias de gravidade na circulación. En Ordes, hai nivel verde na AC-542 e na N-550. As máquinas quitaneves tiveron que actuar na autoestrada que une A Coruña con Carballo.
Predicción para este venres
Respecto as predicións meteorolóxicas, agárdase neve por riba dos 400 metros, aínda que non haberá precipitacións na maior parte do país. As temperaturas non experimentarán cambios significativos, e continuará a sensación de frío.
A temperatura máxima rexistrarase en Ferrol, onde se calcula que chegará aos 10 graos. No resto de cidades, oscilará entre 9 e -1 graos. As mínimas poderían descender deica -7 graos en Pedrafita. Os demais valores moveranse entre -4 e 4 graos.