Importantes organizacións palestinas rexeitan o plan franco-exipcio de tregua. A Cruz Vermella acusa o Exército de Israel de non socorrer os feridos. O número de mortos supera os 750.
Dez organizacións palestinas rexeitaron o plan franco-exipcio de tregua. Non ven "ningunha base válida para unha solución aceptábel", xa que inclúe artigos que consideran arriscados para a resistencia palestina e o seu futuro. "Bloquea o movemento de resistencia" e "concédelle ao inimigo mans libres", afirmaron nun comunicado conxunto.
Os grupos palestinos cuestionaron tamén a participación doutros países árabes no plan, aínda que non nomearon ningún estado concreto. Ademais, rexeitan o despregamento de observadores internacionais na Faixa (aínda que si na fronteira exipcia), e reiteraron os chamamentos a Israel para que "deteña a agresión, se retire inmediatamente, levante o bloqueo e abra os pasos fronteirizos, particularmente o de Rafah".
Entre as organizacións que asinaron o comunicado están a Yihad Islámica, a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina (FDLP) e a Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), ademais de Hamas, que é a que conta con maior apoio popular.
Omisión da prestación de auxilio
Por outra banda, a Cruz Vermella acusou o Exército de Israel de non socorrer os feridos de Gaza. Segundo recolle a canle pública británica, BBC, funcionarios do Comité Internacional da organización (CICV) denunciaron que atoparan polo menos catro crianzas sen auxilio xunto aos cadáveres das súas nais, no barrio de Zeitoun (Cidade de Gaza).
Israel non respondeu a esta cuestión específica, mas indicou está a traballar en estreita colaboración con grupos de auxilio, de modo que os civís poidan recibir asistencia. Ademais, asegurou que "calquera caso de neglixencia grave na asistencia aos feridos será debidamente investigado, unha vez se presente queixa formal", informa a axencia Reuters.
Retirada da ONU
A Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos en Oriente Próximo (UNRWA, nas siglas en inglés) anunciou tamén esta quinta feira que suspendía todas as súas operacións na Faixa de Gaza debido ao risco que supón a presenza das forzas militares israelís neste territorio.
Segundo informou a ONU, un proxectil disparado por un tanque israelí matou dous palestinos condutores de carretillas nun convoi da UNRWA. Ademais, as escolas xestionadas pola axencia foron atacadas nos últimos días por Israel, deixando máis de 45 palestinos mortos.
En total, deica esta cuarta feira, morreran máis de 700 persoas e o numero de feridos superaba xa as 3.100 persoas, segundo fontes médicas, que xa falaban esta quinta de 765. Os observadores estranxeiros calculan que polo menos a metade dos mortos son civís.