Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
OS PATROCINIOS SEGUEN SENDO O MOTIVO DE DISPUTA

“A solución interésanos a nós e interésalle á federación”

Xavier Gómez, pai e representante do campión do mundo de triatlón amósase optimista ante a reunión que manterán coa federación estatal nas vindeiras semanas.

Redacción - 13:15 08/01/2009
Imaxe de arquivo de Gómez Noya correndo coa selección galega

Imaxe de arquivo de Gómez Noya correndo coa selección galega

Achégase o comezo das competicións previstas para este 2009 no calendario internacional de triatlón, e isto apresura a resolución do contencioso que manteñen Xavier Gómez Noya e a Federación Española de Triatlón dende o pasado mes de Outubro. Así, a cuarta semana deste mes de xaneiro está prevista unha xuntanza á procura dun acordo para que o mellor triatleta do mundo poda participar nas mellores competicións do momento.

Despois das eleccións á dirección da federación estatal, celebradas o pasado outono, realizouse unha primeira reunión para achegar posturas antes de rematar o 2008. Nesta xuntanza a federación estatal anunciou que a marca deportiva de Xavier, Champion System, será tamén a que vista ao equipo estatal. A falta de que o organismo estatal ratifique de xeito formal este anuncio, o problema quedaría reducido a dous puntos: o reparto dos espazos publicitarios no traxe de competición, e a posibilidade de que o adestrador persoal de Gómez Noya, Omar González, poda acompañar ao triatleta nas competicións internacionais.

Optimismo ante a xuntanza
Ante esta xuntanza Xavier Gómez, pai e representante do tritaleta, declarouse optimista, afirmando que "a solución interésanos a nós e interésalles a eles". Ao falar dos patrocinios deixou claro que "estamos abertos a todo, coa idea de arranxar as diferenzas", mais recordou que a federación "tamén debe ceder, porque nós estivemos competindo anos con patrocinadores cos que non tiñamos nada que ver. Agora hai xente que nos está pagando para que os publicitemos e se non se ven nas carreiras marchan do teu carón".

Novo calendario das Series Mundiais
Estes días tamén se coñeceu o novo calendario das Series Mundiais, competición que se perfila como a máis atractiva do momento, tanto polo seu calendario como polos importantes premios económicos. Segundo Xavier Gómez esta competición é favorábel para o seu fillo, porque dá primacía á regularidade, obrigando aos corredores a estar presente en 5 das oito carreiras, incluída obrigatoriamente a última delas. O principal problema que supón é a concentración do calendario entorno á parte central do ano, xa que as oito carreiras realizaranse entre os meses de maio e setembro.

O calendario é o seguinte:
9 e 10 de maio en Singapur
30 e 31 de maio en Madrid
20 e 21 de xuño en Washington
11 e 12 de xullo en Kitzbühel
25 e 26 de xullo en Hamburgo
15 e 16 de agosto en Londres
22 e 23 de agosto en Yokohama
Do 9 ao 13 de setembro en Gold Coast (Australia)


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: