O ferrolán ameazou con competir en probas alternativas ao calendario oficial se non lle permiten lucir os seu patrocinios persoais no traxe de competición.
Gómez Noya competindo
A polémica veu dada pola vontade do corredor de lucir os seus propios patrocinios nas probas internacionais. Isto é posíbel para a maioría de triatletas, pero non no caso dos que participan co equipo español. A Federación Española de Triatlón é a encargada de inscribir aos deportistas nas probas, ningún pode facelo de forma independente.
Aproveitándose da situación, a federación estatal impón aos seus triatletas tres dos catro patrocinios que están permitidos a nivel internacional. O diñeiro aportado polos patrocinadores é fundamental para os profesionais deste deporte, que non contan cun salario fixo alén de premios e axudas públicas.
A Dirección Xeral para o Deporte emitiu este venres un comunicado no que expresa a súa disposición a negociar coa Federación Española de Triatlón, en defensa dos intereses do ferrolán. Ademais a Federación Galega tamén quixo indicar o seu apoio total a Gómez Noya.
O ferrolán é nestes momentos o líder indiscutíbel do triatlón mundial, polo que a súa ausencia en probas como o mundial ou o europeo tería como consecuencia unha importante perda de ingresos para a federación estatal. De cumprir a súa ameaza, Gómez Noya, renunciaría ao Mundial, Europeo e tamén á nova modalidade da Copa do Mundo. Así centraríase en competicións independentes, como a Copa Toyota, que consta de catro probas en diferentes cidades de Estados Unidos.