Volven os campionatos de caza de raposo ao país, mentres comeza a veda no resto do Estado.
O vindeiro 10 de xaneiro nas vilas de Xinzo (A Limia, en Ourense); Silleda, Lalín e Vila de Cruces (na Comarca do Deza, en Pontevedra); Bergantiños, Sofán (en Carballo), Dumbría (Fisterra), Corme e Carballo (na comarca de Bergantiños, na Coruña) realizaranse os "campionatos provinciais" de caza de raposo, as primeiras manifestacións do "lamentábel e sanguento espectáculo" que supoñen, para os ecoloxistas, estas matanzas. O seguinte será o domingo 18 de agosto en Baralla (Na comarca dos Ancares, en Lugo).
Como cada ano, dende as asociacións Adega, Amigos da Terra, Asturias Verde, ASCEL, Coto do Frade, Eucaliptos NON, Fundación Altarriba, GAS Vigo, Huellas Cantabria, Libera, Matar por matar NON, SOS Courel e Verdegaia sinalan como corresponsábeis desta "crueldade incomprensíbel" á Federación Galega de Caza e ás Consellarías de Medio Ambiente e Cultura e Deporte que axudan ou permiten a organización destes campionatos.
Matar máis e por menos cartos
Estas xornadas de caza desenvólvense, dende hai anos, en Galiza, converténdose nun "suceso inédito no mundo" xa que está vetado no resto do Estado Español -a veda comeza o 7 de xaneiro para a caza maior.
Porén, os campionatos seguen a realizarse no noso país, segundo denuncian estas asociacións, "para seguir alongando a caza todas as fins de semana, sen deixar descansar o monte nin tranquilos os animais". Ademais, participar nestas "batidas" organizadas en Galiza custa uns 30 euros, cando unha xornada de caza semellante noutras Comunidades anda arredor dos 400 euros, polo que é previsíbel que a afluencia a estes eventos sexa considerábel, así como o número de animais abatidos.
A matanza de raposos... por lecer
Segundo lembran as asociacións ecoloxistas, a caza de raposos "non ten máis xustificación que non sexa a matanza pola matanza", xa que estes animais non provocan danos de ningún tipo á agricultura nin a gandería, e non se xustifica tampouco que ataquen a animais de granxa; ademais, non existe nin un só estudo que afirme que exista un número excesivo de golpes nos lugares onde se vai cazar.
Neste sentido, os ecoloxistas consideran "inadmisíbel" que nunha sociedade que respecte o medio, se realicen "matanzas indiscriminadas", e denuncian á Federación Galega de Caza e ao seu presidente Xosé Manuel Gómez Cortón, principal organizador destas xornadas "de xeito extremadamente mesquiño", sinalando, ademais, que "a propia configuración desta actividade como 'Campionatos' nos que se participa para ver quen mata máis raposos, vai totalmente contra unha xestión ordenada da caza e contra a ordenación sustentábel do monte".
Ademais, exíxenlle á Consellaría de Medio Ambiente que prohiba estas agresións ao medio e á fauna, e que proceda a investigar as irregularidades nos censos de caza, "reiteradamente denunciadas sen resultado, e que son a base desta actividade". Tamén lle exixen á Consellaría de Cultura e Deporte que anule a normativa e subvencións que "elevan unha actividade depredadora e sobre explotada, como é a caza", a categoría de "deporte de competición", "co conseguinte incentivo e agravamento dos seus efectos perniciosos".
Vídeo, feito polo colectivo Na Deriva, no que se pode apreciar o enfrontamento entre os ecoloxistas e os cazadores, o ano pasado en Portomarín