Este mércores haberá unha homenaxe en Bonaval e a Federación de Sociedades Galegas en Arxentina organizará un acto en Bos Aires o día 20.
O 7 de xaneiro de 1950 faleceu en Bos Aires Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Conmemorando o 59º cabodano, a Fundación que leva o seu nome homenaxeará ás cinco e media da tarde ao escritor e político cunha ofrenda floral diante do sartego que ocupa en San Domingos de Bonaval. Neste 2009 cúmprense así mesmo os 25 anos da polémica repatriación dos restos de Castelao dende o cemiterio da Chacarita até o Panteón de Galegos Ilustres. A Fundación anunciou que fará coincidir con esta efeméride a finalización do traballo de catalogación da súa obra. A Consellaría de Cultura e a propia Fundación asinaron en febreiro de 2008 un convenio para realizar este traballo, que conta cunha achega económica de 300 mil euros.
Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación, coordina o traballo, no que participa un equipo de especialistas, que realizan o seu labor en colaboración con institucións públicas e privadas, facendo pescudas en distintos lugares de Galiza, Madrid, Arxentina, Estados Unidos, Cuba, Uruguai, México, Chile e Venezuela. Os documentos, unha vez catalogados, poderanse consulta no Arquivo Nacional de Galiza, na Cidade da Cultura.
Homenaxes en Rianxo e Bos Aires
En Rianxo, o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, participará nun acto de homenaxe a partir das once da mañá cunha intervención na casa da cultura. Posteriormente, realizá unha ofrenda floral no monumento a Castelao. Nos actos previstos para este mércores, tamén está incluída a presenza das autoridades municipais e a intervención da concelleira do Bloque Nacionalista Galego na vila, Adelina Ces.
A Federación de Asociacións Galegas de Arxentina homenaxeará a Castelao no 59 aniversario da súa morte cun acto en Bos Aires que se celebrará o vindeiro 20 de xaneiro. Distintos representantes da colectividade galega no país americano acudirán á ofrenda floral que se colocará no monumento levantado en honor do político na praza que leva o seu nome na capital porteña. Ademais, na homenaxe actuará a cantante Lorena Lores e a Banda de Gaitas Federal interpretará varias pezas musicais.
Suso Vaamonde canta Compañeiro Daniel na TVG
Traslado dos restos de Castelao a Bonaval, do que se cumprirán 25 anos neste 2009