A Consellaría de Cultura achegará 300.000 euros para compilar todas as creacións escritas e gráficas do intelectual.
Cultura realizará unha primeira achega económica de 300.000 euros dirixida á localización e compilación do disperso legado de Castelao que acolle colaboracións literarias, creacións en prosa, textos teatrais, artigos, discursos parlamentarios, cartas, manuscritos, apuntamentos de todo tipo, debuxos, etc., ademais de fotografías e gravacións sonoras e audiovisuais nas que apareza Castelao. Pero será a Fundación a encargada da elaboración dun catálogo dixital, unha base de datos coa ficha de cada obra acompañada da súa reprodución.
O proxecto, coordinado polo vicepresidente segundo da Fundación, Miguel Anxo Seixas Seoane, contará cun equipo de especialistas que botará man de institucións públicas e privadas onde se pode ver a obra do galeguista, rastrexará publicacións periódicas do seu tempo en hemerotecas e traballará na procura da obra inédita do autor. Ante a extensión e complexidade do proxecto a primeira entrega do inventario está prevista nun prazo de 18 meses, que se ampliará todo o tempo que sexa necesario para completar a catalogación. Por outra banda, prevese que a colaboración económica sexa aumentada ante o achádego de novas obras ocultas de Castelao que fagan medrar o catálogo.
Ánxela Bugallo sinalou que "nesta catalogación non nos poñemos límites porque queremos chegar ao punto no que teñamos toda a obra recuperada". A conselleira destacou que "Castelao é un dos máis importantes persoeiros da nosa historia, e temos o deber de coñecer, recoñecer e difundir a súa obra". A obra dixitalizada estará dispoñible ao público no Arquivo Nacional que estará situado na Cidade da Cultura.