Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TERCEIRA CRÓNICA DE IVÁN PRADO DENDE CHIAPAS

Diapositivas dunha viaxe sen levantarme da cadeira

Dedicado ás compañeiras e compañeiros apaleados, gaseados e detidos inxustamente polas forzas do criminal gobernador de Oaxaca nunha concentración pacífica a favor das vítimas inocentes de Gaza e contra o xenocidio perpetrado sistematicamente por Israel.

Iván Prado - 09:55 06/01/2009


A historia non morreu.

A humanidade está sendo refundada nesta asemblea constituínte a golpe de historia viva.
Os ingredientes están na mesa: dignidade, rabia, necesidade e loita. O fermoso e esperanzador é que este encontro se levanta sobre palabras de vida e exemplo e non sobre os sarcófagos das palabras museísticas. Non, nesta festa da rebeldía valente a poesía é irmá da acción entusiasta, aquí e agora a verdade que nace de abaixo é nai de renovadoras prácticas, salas amplas e luminosas da reinventada historia.

Lugares e tempos preñados de vida

A crítica e a luz invaden os pregues das socialdemocraduras que buscan manter os soños populares baixo as mastodónticas gadoupas do imperio. As medias verdades que exercen no poder replícalas titiritienses de lideres vernizados con cores de esquerda non soportan a radiografía que practica o paso zapatista avanzando en común e sen crebes.


Ata as cancións lidas teñen lugar nesta neocaverna que xoga a ser espello e Alicia a un tempo. Aquí o suxeito histórico é indio e sabe que os medos cabalgan a lombos da inxustiza que o mercado omnipresente impón.

Neste festival tén cabida ata a rabia artística que suma e resta para multiplicar a esperanza armada. Como di o meu cuate, o cero préstalle ao un e aínda lle debe tres, así que: gobernantes do mundo seguide globalizando a merda que máis pronto que tarde vos explotará na cara.

Na fase actual, a revolución disfrázase de conto subversivo, móntase en trens multiculturais dirección utopía.

Se, querida xente, neste auditorio da cor da terra non falamos, non teorizamos da utopía, vivimos a utopía, a utópica tea que mixtura indios encapuchados con rockeiros solidarios, intelectuais universitarios con okupas antisitémicos, campesiños armados con comandantas sandinistas recicladas en deputadas de oposición, sindicalistas do anarquismo con háckers reconvertidos en analistas da outra mirada, activistas da Grecia rebelde con piqueteros intelectuais.


Días e noites de amor e guerra entre horas de frío polar na coleta vila de San Cristóbal, auténtica Casabranca da 4 º querra mundial, que nos recorda a crúa realidade dos nosos irmáns de descalza pel. Eses pés desprovistos de protección son metáfora e diagrama: pobreza e condena. Sobre eses pés escuros e sucios levántanse mulleres e nenos, homes e anciáns que loitan por un mundo en que sexa posible manter a dignidade aínda que sexa descalza.


Na mesa presidencial, os relatores debullan historia de explotación, Amancio Ortega incluído, e historias de valente loita á vez que dúas nenas tzeltales xogan con avións de papel (pasamontañas incluído).

Mentres golpea os manifestantes prol-palestinos a policía do asasino Ulises Ruiz, o festival zapatista organízase para tomar a rúa en defensa dos encarcerados no día de hoxe en Oaxaca, un corpo vivo que crea acción, soños de futuro e experiencias cuánticas no camiño da felicidade.

Desexo bailar o curriuo angolano mentres facemos sudokus no vagón de atrás dun metro calquera, desexo abrazar ás nais de praza de maio.

Lokonuk ou Iván Prado, segundo o día.

Continuará. 3 de xaneiro, “San Cris”

Crónicas anteriores:


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: