Entre outras cuestións, terá que facer fronte a unha máis que probábel crise con Rusia por causa do subministro de gas, no que vai ser primeiro conflito do ano.
A República Checa asumiu esta quinta feira a Presidencia de quenda da UE. Cédelle o temón Francia, que tivo un mandato caracterizado polo personalismo do seu xefe de estado, o omnipresente Nicolás Sarkozy.
A sucesión non se presenta fácil para o primeiro ministro liberal, Mirek Topolanek, xa que a súa imaxe asóciase en Bruxelas ás posicións euroescépticas do presidente, Vaclav Klaus, e ao feito de que Sarkozy amplificou estes últimos seis meses a dimensión do cargo.
Chequia terá que afrontar esta situación, en plena crise económica e institucional, co dobre hándicap de non pertencer á zona euro e de non se pronunciar aínda sobre o Tratado de Lisboa.
Crise do gas: Rusia-Ucraína, primeiro conflito do ano
Mais o que parece vai ser o primeiro conflito do ano, é o que máis inqueda no seo do goberno. Rusia ameaza dende hai tempo con que o 1 de xaneiro suspendería o subministro de gas a Ucraína se Kiev non paga "até o último rublo" da súa débeda con Gazprom, arredor de 1.400 millóns de euros.
A compañía advertiulles aos seus clientes europeos que se poderían ver afectados por este enfrontamento. De feito, a seguridade enerxética figura na axenda do encontro informal dos ministros de Exteriores dos 27, o 8 de xaneiro en Praga, un día despois da gran velada de inauguración.