As instalacións foran desaloxadas tras recibir un aviso dunha persoa que chamaba en nome da organización. De momento non se avaliaron os danos materiais que puidese causar.
Imaxe: Diario Vasco
Un coche bomba colocado por membros de ETA estoupou en Bilbao, minutos antes das 11:00 horas da mañá desta cuarta feira, ás portas da sede da televisión autonómica vasca, a EiTB. Estaba situado a uns 20 metros das instalacións, que só teñen un ano de antigüidade.
O predio xa fora desaloxado unha hora antes, tras recibir un aviso dun comunicante da organización, que anunciara a colocación do coche bomba. Até o de agora non se avaliaron os danos materiais producidos pola explosión; só se pode ver unha densa columna de fume saíndo da zona, mais a fachada, composta por grandes cristaleiras, viuse abaixo por completo.
A persoa que chamou, en nome de ETA, tamén revelou que nunha zona de monte da vila de Arrigorriaga, próxima á depuradora de auga de Venta Alta, atopábase, atado a unha árbore, un home que xa foi localizado e que podería ser o dono do vehículo empregado neste atentado, unha furgoneta Citroën Jumpi.
Ademais da sede da EiTB en Bilbao, tamén foi desaloxada a estación de autobuses de Termibús -a das liñas de longo percorrido- así como as instalacións doutros medios de comunicación na capital de Euskadi, como El Mundo, Deia, Antena 3, Expansión e Onda Cero, e a sede da Facenda Biscaíña.
De momento, a Ertzaintza mantén o cordón policial na contorna do predio e instou aos veciños da zona a refuxiarse nas súas vivendas, por precaución.
Para ampliar información: