Vantaxe en votos para o PNV, malia que a repartición de deputados podería igualalos no parlamento co PSE. A enquisa agoira unha forte caída de EA.
O informe do Euskobarómetro da Universidade do País Vasco que acaba de ser publicado prognostica a vitoria do PNV nas vindeiras eleccións vascas. A formación liderada por Juan José Ibarretxe chegaría ao 34% dos votos, arredor de 400 mil apoios, por riba do 32% no que se situaría o PSE, uns 350 mil votos. Con todo, a repartición de escanos entre cada unha das tres circunscricións levaría a un posíbel empate en canto a representación parlamentaria. Así, con esas cifras o PNV móvese nun abano de 26-28 escanos e os socialistas nun 25-27.
Na actualidade o PNV conta con 29, dos cales 7 correspóndenlle a Eusko Alkartasuna, formación coa que acudiu en coalición na anterior cita coas urnas. Precisamente, a aposta de EA por acudir desta vez en solitario aos comicios outorgaríalle unha representación de apenas un par de escanos. Mentres, o PSE acadaría un ascenso considerábel desde os actuais 18 representantes cos que conta na Cámara vasca.
O Euskobarómetro tamén prevé que o PP manteña a terceira posición, cun 16% de apoios, e a posíbel perda de até dous dos seus actuais 15 escanos. IU-EB, cun 4% do voto, quedaría con tres deputados. Aralar, cun 3% de votos, mantería un escano en Guipúscoa. O Euskobarómetro tamén calculou o espazo electoral que obtería a esquerda abertzale de poder acudir ás urnas baixo algunha das siglas agora ilegalizadas: serían arredor de 100 mil apoios, o 7% do total.