Os militares decretan a disolución do goberno e a suspensión da Constitución.
O intento de golpe de Estado acontecido en Guinea Conakry despois da morte, por causas naturais, do presidente Lansana Conté, semella ter triunfado definitivamente. O capitán Moussa Dadis Camara, líder do levantamento, foi declarado novo presidente.
Despois da condena internacional á acción militar, os golpistas aseguraron que prevén a convocatoria a finais de 2010 de eleccións "libres, críbeis e transparentes". Dadis Camara anunciou a creación do chamado Consello Nacional para a Democracia e o Desenvolvemento como órgano de xestión para os próximos dous anos e afirmou non ter intención de presentarse candidato cando se convoquen comicios.
"O consello non ten intención de permanecer no poder", expresou, "a única razón desta acción é a necesidade de salvagardar a integridade territorial", explicou o líder dos golpistas, quen situou entre as súas intencións a necesidade de "acabar coa corrupción" no país. Para os próximos días está prevista unha xuntanza dos militares con representantes do corpo diplomático internacional en Guinea. O até o de agora primeiro ministro Ahmed Tidiane Souare xa admitiu que os soldados controlan o país.