Un grupo de soldados tomou a emisora de radio estatal e ordenou a lectura dun comunicado no que se anunciaba tamén a suspensión do goberno.
Situación de Guinea no continente africano
A emisora da radio estatal da República de Guinea emitiu esta terza feira unha declaración, escrita por membros aínda descoñecidos do exército, anunciando que a Constitución e o goberno do país quedaban suspendidos, horas despois de que se coñecese a morte do seu presidente, Lansana Conté, aos 74 anos e tras un cuarto de século no poder.
Aproveitando o baleiro de poder
Os xornalistas da radio estatal sinalaron que a sede da emisora foi ocupada por un grupo de soldados, dos que non trascendeu a identidade, que obrigaron aos locutores a ler esta declaración, nun claro intento de tomar o poder, após a morte de Conté, que confirmaba o fin de 25 anos de mandato que comezaran co golpe de Estado de 1984.
Conté, fumador compulsivo e diabético recoñecido, finou esta segunda feira ás 19:00 horas nun hospital dos EUA, sen que se coñecese aínda a causa concreta do seu falecemento. O goberno guineano, a través do presidente da Asemblea Nacional, Aboubacar Somparé, deu a noticia nun comunicado no que tamén expresou a súa "profunda tristeza polo pasamento do xeneral Lansana Conté, presidente da República".
A pesar de que sufría a diabete crónica dende 2002, o que estaba a minar a súa saúde, o Conté tiña intención de manterse no cargo até que terminase o seu mandato, en 2010. O procedemento constitucional prevé que o presidente da Asemblea Nacional asuma o poder ao finar o presidente da República, e que convoque eleccións nun prazo de dous meses. Porén, este procedemento obviouse tras a intervención do exército.
De xefe dos golpistas a presidente electo
Militar de carreira, Conté chegou ao poder tras liderar, o 3 de abril de 1984, un golpe de Estado, contra o, naquela altura, presidente interino, Louis Lansana Beavogui, designado após a morte de Ahmed Sékou Touré, primeiro presidente de Guinea. Dous días despois proclamouse presidente da II República, tras formar un Comité Militar de Recuperación Nacional (CMRN) que disolveu o partido único e a Asamblea Nacional, e suspendeu a Constitución.
Conté pertence á etnia susu, maioritaria no norte do país, e de relixión musulmá. No seu cuarto de século de mandato, Conté optou por desenvolver un modelo económico liberal, fortalecendo a empresa privada e as relacións cos países occidentais. A comezos dos 90 puxo a andar un programa para a transición á democracia que se había completar en cinco anos, e no que non deixou participar á oposición. En 1993 gañou as primeiras eleccións presidenciais que se desenvolveron en Guinea, mais acusado de fraude. Nos seus sucesivos mandatos chegaron cada vez máis denuncias de ONG internacionais por violación dos Dereitos Humanos, corrupción e represión da oposición.
Información de última hora: