Espérase que a situación mellore co paso das horas. De feito, a cota de neve pasará dos 700 aos 1.000 metros.
As nevaradas continuarán en Galiza e o aviso de alerta laranxa mantense cando menos até o final deste luns. Con todo, as predicións apuntan a que a situación mellorará co paso das horas e a neve só caerá nas áreas por riba dos 1.000 metros.
Tras a situación vivida este domingo, cando Pedrafita e A Fonsagrada foron as localidades que contabilizaron a maior incidencia debido ao temporal, Meteogalicia espera para o luns nevadas por encima dos 1.000 metros pola mañá, que serán 1.200 cara á tarde. De feito, Pedrafita con -2 graos de mínima e 0 de máxima será o municipio coa temperatura máis baixa do país.
O resto de Galiza estará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, de maneira que se esperan intervalos nubrados con chuvascos, máis probábeis no terzo norte e nas comarcas montañosas do leste. As temperaturas continuarán sen cambios significativos e haberá xeadas nas comarcas do interior. Os ventos soprarán de compoñente norte, fortes pola mañá no litoral e zonas altas e moderados no resto.
Colapso en Pedrafita e problemas en 35 vías
Durante a xornada do domingo, Galiza rexistrou nevaradas máis intensas que o sábado, o que provocou que veciños de 52 aldeas do Concello de Pedrafita, en Lugo, quedasen sen luz durante varias horas e que até un total de 35 vías presentasen distintos niveis de alerta.
En declaracións a Europa Press, o alcalde do municipio, Xosé Luis Raposo, indicou que "o peso da neve ou a caída dalgunha árbore puideron ser a causa dos cortes de enerxía", unha situación que, segundo comentaron os veciños, é "habitual" durante o último ano. "Non é doado afrontar unha situación meteorolóxica como esta, hai uns 17 anos que non neva como o está a facer agora e isto, unido ao estado das liñas das estradas, fai que a situación nos colapse", declarou o alcalde.
Con todo, veciños do municipio mostráronse tranquilos e aseguraron estar "acostumados" a nevadas tan fortes. "Sempre que haxa luz, coa calefacción e a manta todo se soluciona", indicaron. Non obstante, afectados polos apagamentos recoñeceron que durante as horas que pasaron sen luz a situación "non foi doada", aínda que o problema "non está no pobo, senón na estrada".
Unha situación similar viviuse no tamén municipio lugués d'A Fonsagrada, onde máis de 20 coches quedaron atrapados cando intentaban circular pola LU-530, unha das vías secundarias máis afectadas polo temporal. Segundo Protección Civil, os vehículos "non podían continuar polo xeo, que impedía mesmo sosterse en pé sobre a calzada". A este incidente súmanse medio centenar de asistencias provocadas pola neve e o xeo na vía, entre eles unha colisión de dous coches no quilómetro 45 da LU-530 que non deixou feridos.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) activou até nun total de 35 vías distintos niveis de alerta debido ás inclemencias meteorolóxicas, situadas nas zonas interiores de Lugo, Ourense e Pontevedra. Na web, a DXT informou da circulación difícil na LU-633 á altura de Pedrafita e na LU-651, en Quiroga, onde as condicións meteorolóxicas impedían a actuación dos efectivos de Protección Civil.
Ademais, na N-VI, a CG-2.1 ao seu paso por Becerreá e Chantada respectivamente, Tráfico mantivo o nivel pola existencia de neve. Na autovía A-6, que une Lugo e Madrid, as dificultades estendéronse ao longo duns 27 quilómetros. A maiores, nesta provincia a neve afectoulle ás estradas N-540, LU-122, LU-540, á altura das localidades de Guntín, Lourenzá e Ourol, e na A-6 ao seu paso por Rábade.
Pola súa banda, na provincia de Ourense houbo dificultades nos municipios d'A Gudiña, Albarellos, Baltar, Manzaneda, Parada de Sil, Pobra de Trives, Viana do Bolo e Vilariño. Deste modo, as calzadas máis afectadas pola neve foron a N-525, a A-52, a OU-1109, a N-540, a OU-0704, a OU-0604, a OU-0703 a OU-533 e a OU-536. Na provincia de Pontevedra víronse afectadas estradas d'A Cañiza, Agolada, Dozón, Forcarei, Rodeiro, Silleda e Lalín. As vías con neve foron a N-120, a PO-212, a AG-53, a AP-53, a N-525, a N-541, a PO-533 e a PO-534.