Maniféstase contra as reformas dun goberno que, defenden, está a prexudicar a mocidade, e o que culpan da morte do adolescente Alexi Grigorópulos.
A pesar da chuvia, o estudantado de secundaria e universitario de Grecia segue a protestar nas rúas de Atenas, por sétimo día consecutivo. A policía segue a facer uso de gases lacrimóxenos, mentres os estudantes lanzan cócteles molotov e pedras arredor do parlamento grego.
A mocidade culpa o goberno da morte, o sábado 6, do adolescente Alexi Grigorópulos, e protesta polas reformas que levou a cabo durante a última lexislatura contra os intereses do estudantado. Segundo fontes policiais citadas por Reuters, as forzas de seguridade están a esgotar as existencias de granadas lacrimóxenas, das que botaron máis de 4.600 na última semana, polo que xa se puxeron en contacto con Israel e con Alemaña para mercarlles máis.
En Bruxelas, o primeiro ministro grego, Costas Caramanlis, presente no Consello europeo, asegurou que o seu país poderá garantir a seguridade da poboación a pesar dos disturbios e que os culpábeis dos feitos son extremistas de esquerda. Porén, a prensa de Grecia dubida que o primeiro ministro poida conservar o seu posto moito tempo.