O goberno español terá que destinar 624 millóns para compensar a perda de capacidade adquisitiva dos pensionistas: a media contributiva situarase nos 741 euros.
Galiza está entre as comunidades nas que máis descendeu a carestía da vida: o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) reduciuse un 0,5% en novembro con respecto ao mes anterior, unha caída que sitúa a inflación galega no 2,2% fronte ao mesmo período do ano pasado. Son os datos que hoxe ofreceu o Instituto Nacional de Estatística (INE) e que sitúa á economía galega entre aquelas nas que os prezos medraron por baixo da media estatal no último ano (a taxa interanual descendeu 1,4 puntos).
O abaratamento dos carburantes e de gran parte dos alimentos, como o leite, o queixo, o pan, os legumes ou o aceite están na orixe desta baixada de prezos. Con todo, o transporte foi o principal responsábel desta caída, ao baixar un 4,2 % con respecto ao mes anterior. Aínda así, elevouse o prezo do vestido e do calzado (+3,2%) e o do ensino (0,4%).
Lugo foi a provincia na que máis baixou a carestía da vida, xa que recortou a súa taxa en novembro un 1,7%. Séguelle A Coruña (-1,5%), Pontevedra e Ourense (as dúas con -0,4%).
Compensación nas pensións
No Estado Español o IPC baixou catro décimas e a taxa interanual caeu 1,2 puntos, até o 2,4%. Esta é a referencia que utiliza o goberno estatal para a revalorización das pensións, polo que segundo os seus cálculos, terá que destinar uns 624 millóns de euros a compensar a desviación de prezos no 2008. Esta é a compensación máis baixa dos últimos 15 anos.
Con estes datos sobre a mesa, o importe da pensión contributiva media situarase nos 741,62 euros ao mes, segundo o Ministerio de Traballo. O incremento afecta a 8,5 millóns de pensións contributivas, a 452.208 non contributivas e a 156.624 prestacións por fillo a cargo con algunha discapacidade. Os xubilados maiores de 65 anos con cónxuxe a cargo cobrarán 696,19 euros ao mes en 2009; as pensións de viúvez serán de 651,63 euros, no caso dun titular con cargas, e de 561,55 euros para os maiores de 65 anos ou con discapacidade superior ao 65%.