Temor nos mercados logo de que a OPEP prognosticase para este verán unha suba dun 20% no prezo do barril de petróleo.
Os datos que deu a coñecer este venres o INE fan aumentar o pesimismo diante a situación económica. Segundo este organismo oficial, a inflación harmonizada interanual é de 5,1%, a taxa máis alta rexistrada dende que se empezou a analizar este dato en xaneiro de 1997.
Porén, moitos expertos coidan que a inflación pode aumentar nos vindeiros meses. A razón principal é o encarecemento do petróleo e das materias primas nos mercados internacionais. De feito, esta mesma semana fontes da OPEP non descartaban que este mesmo verán o prezo do petróleo subise máis dun 20% e chegase a cotizarse o barril a 170 dólares (fronte aos 138 actuais). O propio presidente deste organismo, Chakib Jelil, sinalou que en caso dunha grave crise política a nivel mundial o prezo do barril podería chegar a costar de 200 ata 400 dólares
O dato coñecido este venres mide os prezos de xeito harmonizado co resto de países da zona euro. Aínda que os datos definitivo do IPC xeral daranse a coñecer o 11 de xullo, a realidade é que estes acostuman a coincidir cos avances do IPC harmonizado.