A directora xeral de Promoción Industrial datou para a próxima lexislatura a migración da administración pública ao software libre.
Logotipo do sistema operativo Galinux
Este xoves presentouse oficialmente Galinux, un sistema operativo de código aberto e completamente na nosa lingua promovido polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, en coordinación coa numerosa comunidade galega de software libre, formada por voluntarios.
O acto de presentación, que tivo lugar en Compostela, abriuno a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, quen repasou as iniciativas postas en marcha dende o Goberno a prol do Software Libre, como o feito de que se primou á hora de conceder axudas ou que se promove entre as pequenas e medianas empresas mediante un DVD con aplicacións libres.
Despois interviu Cláudio Filho, consultor que traballou en migracións de varias administracións brasileiras cara ao software libre, e que explicou que é preciso facer unha planificación previa. De feito, Helena Veiguela recoñeceu que ese cambio era unha das materias pendentes da Xunta e comprometeuse a levalo a cabo na próxima lexislatura.
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, foi o encargado de presentar Galinux en sociedade. Explicou que está baseado en Ubuntu, que inclúe todas as aplicacións na nosa lingua e que se actualizará permanentemente.
Galinux distribuiranse en cinco mil cedés a través de 100 centros de todo o país, como os da Rede de Dinamización da Sociedade da Información e as asociacións e oficinas universitarias de Software Libre. Tamén se pode descargar en galinux.mancomun.org e copiar e compartir tantas veces como se queira, pois é software libre. O CD pódese executar directamente e probar sen modificar a información gardada no computador.
Blanco anunciou que o Goberno investirá entre 2008 e 2009 2,3 millóns de euros para as diferentes iniciativas de Software Libre en Galiza e salientou que o noso país é líder do Estado Español en uso deste tipo de software nas pequenas e medianas empresas, cun 8,2 por cento.
Mesa redonda
Despois da proxección dun vídeo de presentación de Galinux, tivo lugar unha mesa redonda sobre o Software Libre en galego moderada polo coordinador de Mancomún, Xesús Martínez Baleato. En representación dos grupos de usuarios de Linux, Denís Fernández dixo que é o momento de que estes grupos se orienten cara á acción estratéxica e que Galinux supoñía un respaldo importante para eles. Javier Vázquez, presidente de Agasol, dixo que o Software Libre é unha aposta pola economía do coñecemento e que é unha oportunidade para o crecemento económico de Galiza, fronte á dependencia dun sistema baseado no petróleo.
Enrique Estévez, da oficina de Software Libre da USC, anunciou que están a preparar un plan piloto de migración ao Software Libre nunha facultade, co fin de trasladalo á totalidade dos centros. Finalmente, Felipe Xil, da comunidade de tradución de Ubuntu, valorou o apoio do Goberno ao seu traballo e dixo que prevé crear unha comunidade de usuarios dese sistema operativo.