Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
División entre tradicionalistas e reformistas

Despois de 450 anos, o sistema feudalista en Sark está na picota

Os habitantes desta pequena illa do Canal da Mancha elixiron esta cuarta feira o seu primeiro goberno democrático.

Fernando Arrizado - 13:20 11/12/2008
Os irmáns Barclay

Os irmáns Barclay

Na pequena illa de Sark, colonia dependente do Reino Unido situada no Canal da Mancha (La Manche, en francés; The English Channel, en inglés) esta cuarta feira foi un día histórico. Case medio milleiro de votantes rexistrados, dunha poboación total de 600, puideron elixir por vez primeira un goberno democrático.

O fito chega despois de que fose aprobado en referendo en xaneiro, e cunha longa disputa que divide veciños e amigos entre tradicionalistas e reformistas por medio. Deica esta votación, o 'parlamento' ou Chief Pleas compoñíano 40 terratenentes, é dicir, propietarios de terreos non-electos e vitalicios, e unha ducia de representantes populares. A partir de agora, o corpo lexislativo estará formado por 28 deputados populares.

Á fronte deste sistema feudal polo que se gobernou a illa durante case 450 anos estaba o Seigneur, un título hereditario estabelecido en 1565 pola daquelas raíña de Inglaterra, Elizabeth I, cando Sark pasou a ser propiedade da coroa. O último dos signeurs (señor, en francés) é John Michael Beaumont, que pagaba 1,79 libras anuais (algo máis de dous euros) en concepto de arrendamento.

Encabezando os tradicionalistas, que temen perder os seus privilexios fiscais -en Sark non hai impostos- e o seu status, está o propio Beaumont. Mentres, os reformistas están liderados polos irmáns Barclay (sir David e sir Frederick), propietarios do xornal The Daily Telegraph e do Hotel Ritz de Londres.

Os Barclay, posuidores do 20% da illa, que ten unha superficie de cinco quilómetros cadrados (25 veces máis pequena có municipio de Chantada, por exemplo), investiron moitos millóns na súa economía. Os seus opoñentes acúsanos de ameazar con marchar cos cartos se non se vota polos candidatos -57, totalmente divididos en dous bandos- que apoian a súa causa.

A afluencia ás urnas foi moi elevada, segundo informou a canle británica BBC citando a unha muller, Sue Daly, que vén exercendo o labor de relacións públicas dunha illa onde os vehículos a motor están prohibidos, non hai desemprego e os máis vellos do lugar aínda falan, ou saben falar, o sercquiais, unha variedade local do normando. O feudalismo está na picota en Sark, e Europa xa é un pouco máis 'democrática'.

Máis información:


Ligazóns

5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: