Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN ARXENTINA

Descobren foxas con restos de desaparecidos na ditadura militar

Foron achados máis de 10 mil fragmentos de ósos calcinados onde se atopaba o centro clandestino de detención de Pozo de Arana, na cidade de La Plata.

Redacción - 11:30 11/12/2008

Cando se veñen de cumprir 25 anos de historia democrática en Arxentina, a actualidade segue a dar mostras evidentes de que a memoria dos desaparecidos aínda está viva. O Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense (EAAF) traballa dende 1984 na investigación de violacións aos dereitos humanos en todo o mundo e presta especial atención á represión levada a cabo polas Forzas Armadas contra diferentes sectores da poboación durante a ditadura militar arxentina. O seu último descubrimento son estas foxas con máis de 10 mil fragmentos de ósos calcinados pertencentes aos desaparecidos entre 1976 e 1983.

Este é o primeiro achado similar que se fai nun centro clandestino de detención, neste caso o de Pozo de Arana, na cidade de La Plata (capital da provincia de Bos Aires), xa que até o de agora sempre apareceron os restos en cemiterios máis apartados. Foi un traballo de máis de dez meses no que foi fundamental o testemuño de persoas que foron detidas, desaparecidas e torturadas no lugar. Ademais, contaron con fotos aéreas e mapas da época, que permitiron reconstruír o día a día daquel centro de detención. Doutra banda, tamén apareceron cascos de balas que se empregaron para matar ás vítimas e mesmo neumáticos cos que se pretendía queimar de xeito máis doado os corpos. Ademais, na proximidade destas tumbas colectivas atopouse un paredón cunhas 200 marcas de disparos, onde se sospeita que se levaron a cabo os fusilamentos.

Memoria e futuro
O obxectivo agora é recuperar o material xenético dos ósos cremados para identificar ás vítimas, logo de comparar o ADN con mostras sanguíneas de familiares. Con todo, as expectativas son moi baixas, xa que os restos están en moi mal estado. As autoridades arxentinas están a estudar a posibilidade de transformar este lugar nun museo da memoria, como xa o fixo na Escola de Mecánica da Armada (ESMA) en Bos Aires, mais é un extremo aínda por decidir. O Pozo de Arana formou parte dos máis de 150 centros de detención cos que a ditadura militar estabeleceu o terror e unha represión sistemática contra os membros de organizacións políticas e sociais do país.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Escola de Mecánica da Armada (ESMA) foi o maior centro de detención do país
A Escola de Mecánica da Armada (ESMA) foi o maior centro de detención do país
Diferentes colectivos, como as Nais e Avoas da Praza de Maio reivindican a recuperación da memoria
Diferentes colectivos, como as Nais e Avoas da Praza de Maio reivindican a recuperación da memoria
Durante a ditadura arxentina estiveron en funcionamento uns 150 centros de detención
Durante a ditadura arxentina estiveron en funcionamento uns 150 centros de detención