O editor Paco Macías incorpórase á galería de opinións sobre a realidade na que nos gustaría vivir. Vídeo no interior.
Hai que crer que Galiza é normal, para que sexa así", di Paco Macías, de Edicións Positivas. Na súa opinión, é unha cuestión de "facerse un pouco o parvo" e esquecer que non somos precisamente normais para asumir unha suposta normalidade: así, acadaremos un país normal. Razoamentos filosóficos á parte, Macías incorpórase así ao debate aberto organizado por Vieiros e que procura a reflexión sobre a realidade na que vivimos e sobre aquela na que nos gustaría vivir.
"Termos a posibilidade de rexer o noso presente dun xeito libre". Galiza non acada o status de normalidade, mais atópase nun "proceso histórico que se dirixe a concibir o país de xeito aberto e universal, como algo propio dos cidadáns galegos". Así opina Miguel Anxo Fernán Vello, quen achega a súa proposta ao debate aberto sobre o que é un país normal e exixe para nós o dereito a rexer o noso futuro e o noso presente.
"Somos máis normais do que todos presumimos", di Camilo Franco. O xornalista e escritor súmase á reflexión de Vieiros sobre a realidade na que nos gustaría vivir. Segundo explica, "a pregunta sobre a normalidade implica anormalidade" e pide un país que non se autocuestione continuadamente.
Que non sexa necesario un esforzo para que emerxa a nosa cultura; que a lingua non supoña un problema para os creadores que a empregan como medio de expresión... Fran Alonso reivindica unha normalidade a xeito de cultura visibilizada. Así se incorpora ao debate aberto por Vieiros sobre o que é (ou sería, neste caso) un país normal.
"Ser galego non é normal, ten algo especial", di o compositor Fran Pérez "Narf", quen reivindica a naturalidade de vivir sen a necesidade de amosar a nosa autenticidade galega en todos os ámbitos. A súa reflexión incorpórase á galería de opinións sobre o que é para cada un unha normalidade de país.
O escritor e xornalista Manuel Rivas inaugurara a reflexión que propón Vieiros sobre a realidade na que nos gustaría vivir. Fala O'Rivas da procura do país "anormal" onde as cousas funcionen "normal".
A opinión dos internautas
"No meu país normal, a xente fala colocando os pronomes no seu sitio. Ninguén pide carné político para acceder a un posto público, non quedas sen comer churrasco por falar de máis, nin tes que pedir perdón por non acceder ás súas elites (económicas, culturais...)". Así o expresa o internauta Brais, un dos primeiros en opinar sobre a iniciativa de Vieiros.
"Que o habitual sexa que poda atopar un traballo de acordo cos seus coñecementos e ben remunerado, que o habitual sexa que as persoas maiores e dependentes teñan os coidados e repecto que merecen e unhas pensións acordes ao nivel de vida de hoxe, que o habitual sexa que as familias (tradicionais, homoparentais, monoparentais) teñan os mesmos dereitos, que a clase política loite polo seu/noso país non entre eles, que as cidades avancen xuntas sen localismos", afirma o lector Anxo.
Sobre o mesmo tema, achega 12luas que "o país que desexamos os galegos gozará de escribir e falar galego (...) Este país terá os mellores cascos históricos reconstruídos, a mellor formación, o uso con coidado da tecnoloxía, as rúas máis limpas, o respeto entre nós... Isto só está a comezar, cada un ten un pensamento diferente pero hai un polo menos no que estamos decidos a levar con nós ata a morte: Amar a Galicia e querer para ela o mellor".
"O Meu País Normal é um país que sae bem pintadinho em todos os atlas do mundo, para que quando diga "sou da Galiza" a gente simplesmente diga, "ah, bem". Nem mais nem menos", propón Xanzinho. "O meu/nosso país é a minha língua e a minha cultura", sostén papuxa70
E o teu país normal?
Vieiros puxo en marcha esta iniciativa para saber cal é o país normal que desexamos. Durante as vindeiras semanas seguiremos entrevistando persoeiros e cidadáns para que nos conten como é o seu país normal (os desexos tamén se constrúen xa no día a día).
Abriremos espazos de debate para deseñar entre todos esa realidade que che gustaría atopar (se é que non a atopaches) cada día que saes da casa ou que entras en internet. Mentres, vainos contando como é o teu país normal?