Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
GUERRA SANTA

Advirten de que grupos de xihadistas pretenden "invadir YouTube"

Segundo un observatorio estadounidense, un foro dá instrucións sobre como usar o servizo de vídeos de Google para promover ideas "radicais islámicas".

Redacción - 09:40 07/12/2008

Un foro xihadista na internet fixo un chamamento aos seus seguidores para iniciar unha "invasión de YouTube". Segundo o grupo de intelixencia estadounidense SITE, que se dedica a monitorizar a rede na busca de páxinas "terroristas e extremistas", o foro Al-Faloja animou a subir vídeos de propaganda á web.

Segundo publica o Daily Telegraph, SITE asegura que o chamamento partiu dun membro do foro privado, alcumado Omar Abdul Hakim, e que pediu usar YouTube como un medio a prol da guerra santa "para avergoñar os cruzados publicando vídeos que amosen as súas derrotas". A mesma mensaxe de Hakim asegura que "os membros de YouTube cóntanse por miles de millóns, e a meirande parte deles son as persoas máis noxentas e perigosas do mundo", lembrando que mesmo Barack Obama é usuario da web.

"Irmáns, poñámonos a traballar na invasión. Pídovos, por Alá, que tan pronto como leades isto empecedes a gravar no YouTube, e a subir vídeos aos foros xihadistas, islámicos e xeralistas", continúa, e engade instrucións paso a paso sobre como subir vídeos á web e que ferramentas empregar para cortalos en anacos de dez minutos.

O goberno estadounidense comeza a temer polo poder que pode ter a internet como fiestra para a propaganda islamista. De feito, un borrador do exército dos EUA advertiu dos perigos que pode supoñer un servizo como Twitter. Polo seu lado, nos seus termos de servizo, YouTube asegura que "anima á liberdade de expresión e á defensa do dereito de todos a expresar puntos de vista impopulares", aínda que prohibe os vídeos que conteñan violencia gráfica ou incitación ao odio.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: