Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
REDE NEURONA

O I+D+i do país preséntase perante Europa

Deuse a coñecer en Bruxelas a rede que integra 17 plataformas tecnolóxicas de sectores estratéxicos.

Redacción - 19:00 03/12/2008

A Rede Galega de Plataformas Tecnolóxicas (Neurona) presentouse esta cuarta feira en Bruxelas. A Consellaría de Innovación e Industria amosouna como unha ferramenta para a colaboración e internacionalización de sectores estratéxicos para a economía galega. Ademais, o acto serviu para dar a coñecer a nivel europeo os primeiros resultados da rede, integrada por 17 plataformas que agrupan máis de 1.500 empresas.

A presentación tivo lugar na sede do CSIC na capital belga, e correu a cargo do director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, do director xeral de Investigación da Comisión Europea, Manuel Silva, e de representantes das plataformas tecnolóxicas galegas de Agroalimentación, Biotecnoloxía e Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.

O desafío da internacionalización
Mato explicou que Neurona ten entre os seus obxectivos aumentar a capacidade innovadora de Galiza e facilitar a participación das empresas en grandes proxectos de ámbito internacional. A consellaría investiu máis de 4,5 millóns de euros na creación e consolidación das 17 plataformas tecnolóxicas que a integran, que xa obtiveron máis de 17 millóns de euros de apoio financeiro e que mobilizan máis de 81 millóns en proxectos.

O responsábel de Investigación da Comisión Europea, o galego Xosé Manuel Silva, amosouse convencido de que as plataformas tecnolóxicas do país estabelecerán sinerxías no contexto europeo para "evitar a fragmentación dos esforzos de investigación entre os sectores público e privado e entre os estados e as rexións de Europa".

Segundo avanzou Salustiano Mato, Neurona vai facilitar, ademais, a colaboración entre os axentes integrados nela para a realización de proxectos de I+D+i e a creación dunha imaxe institucional única do sector en Galiza, que permita internacionalizar a economía galega nos seus sectores fundamentais.

Os representantes de tres das plataformas, Antonio Rodríguez del Corral, por Vindeira; Lorenzo Pastrana, por PTGAL, e María Isabel Loza, pola plataforma de Biotecnoloxía, explicaron que, seguindo as Axendas Estratéxicas de Investigación redactadas por cada organismo, están a crear grupos de traballo con empresas, universidades e centros tecnolóxicos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: