Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Problemas coas categorías laborais

Portugal comeza unha "histórica" folga de profesores

Será o sexto paro en protesta pola política educativa do goberno de José Sócrates. Os sindicatos cifran o seguimento en máis do 90%.

Redacción - 11:00 03/12/2008
Cartaz chamando á folga

Cartaz chamando á folga

A desta cuarta feira vai ser a sexta folga de docentes contra a política educativa do goberno de José Sócrates, mais segundo os sindicatos maioritarios (Fenprof e FNE), esta xornada vai ser "histórica", xa que se agarda un seguimento do paro superior ao 90% entre o profesorado.

A decisión de ir ao paro tomouse o pasado 8 de novembro, nunha xornada de protesta á que asistiron 120 mil mestres -catro quintos do total-, manifestándose en Lisboa contra o modelo de avaliación do traballo dos profesores, contemplado no novo Estatuto da Carreira Docente.

"Desde 2006 que os professores não recorrem à greve, que é uma forma de luta muito dura, muito violenta. Têm feito os seus protestos à noite, aos fins-de-semana. Mas agora atingiram o ponto limite da insatisfação, da indignação, da revolta mesmo", contoulle ao xornal Público, Mário Nogueira, secretario xeral da Fenprof e voceiro da plataforma que reúne os 11 sindicatos do sector, todos adheridos á protesta.

Contra a avaliación dos docentes
Os sindicatos do ensino non pensan suspender as súas protestas até que se suspenda o modelo de avaliación do traballo docente que recolle o novo Estatuto dos profesores, e que este ano se negocie un sistema transitorio, mentres non se chega a un acordo para elaborar outra nova versión, a definitiva e consensuada, para aplicar o vindeiro curso.

Ademais da mobilización contra o modelo de avaliación -baseado en criterios subxectivos-, os profesores protestan contra determinados puntos do Estatuto da Carreira Docente, que, segundo din, terminou por incluír os docentes en dúas categorías, os que son titulares e os que non -impoñendo, ademais, cotas para acceder á categoría máis elevada, a de titular-, contando só cos últimos sete anos de actividade para estar nunha ou noutra, e valorando antes os cargos exercidos do que a parte lectiva dada. Esta división creou o mal clima que se está a vivir nas escolas entre os mestres.

Anos de folgas e paros contra as políticas de Educación
O paro desta cuarta é máis un capítulo nunha historia que dura xa catro anos, e que ten levado a sindicatos e a milleiros de docentes a contestar, na rúa e nas escolas, as políticas do equipo liderado pola ministra de Educación de Portugal, Maria de Lurdes Rodrigues. Meses despois de recibir a súa carteira, en 2005, a ministra tivo que se enfrontar á primeira folga e nunha semana moi complicada, a dos chamados exames nacionais -que os alumnos deben facer no noveno ano de estudos-. A causa: a conxelación das carreiras dos profesores durante ano e medio e o aumento da idade de xubilación dos 60 para os 65 anos de idade, e 40 de actividade. A alteración dos horarios dos profesores foi o segundo foco de conflito, co que chegaron novas folgas, en novembro de 2005 e en febreiro de 2006.

Agora é a revisión do Estatuto da Carreira Docente a que saca o profesorado descontento á rúa. A primeira protesta desenvolveuse en xuño de 2006; a segunda o pasado mes de novembro, e este terceira, o 3 de decembro, nunha xornada que podería marcar un antes e un despois.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: