Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Din que se usou con "fins terroristas"

India culpa a Google Earth de servir de axuda nos atentados

A policía di que os atacantes empregaron este programa, GPS e móbiles para planificar o masacre.

Redacción - 12:00 02/12/2008
Lendo na prensa o acontecido en Mumbai a pasada semana

Lendo na prensa o acontecido en Mumbai a pasada semana

As autoridades indias volveron abrir a polémica sobre o "mal uso" do programa Google Earth. Segundo os investigadores dos atentados de Mumbai, as persoas responsábeis destes ataques empregaron este programa á hora de planear os asaltos.

Hai xusto tres anos o goberno indio queixábase, por primeira vez, de que empregando este programa calquera persoa podería ver con claridade a situación de distintas instalacións militares ou edificios gobernamentais, ao tempo que avisaba de que podería ser empregado con fins terroristas.

Nos atentados de Mumbai foron atacados o Hotel Taj Mahal, o Hotel Oberoi Trident, o centro xudeu Narimon House e unha estación de ferrocarril. Non son edificios que conten con grandes medidas de seguridade, pero si que son perfectamente localizábeis con Google Earth (na imaxe, a carón desta información, aparecen sinalados). Para darlle sentido ás teses da policía india están as declaracións do único detido, acusado de estar implicado nos atentados, quen confesou que tiñan memorizado as rúas de Mumbai empregando este programa de Google.

Soben as tensións entre a India e Paquistán
Mentres se coñecen os avances nas investigacións sobre os atentados de Mumbai, a tensión entre a India e Paquistán segue medrando. O novo ministro do Interior P. Xidambaram sinalou que os atentados eran un ataque contra "a idea mesma da India, a alma da India, a India que coñecemos e amamos, unha sociedade secular, plural, tolerante e aberta".

Nas últimas horas o director xeral das tropas indias de Seguridade Fronteiriza, M. L. Kumawat acusou as autoridades paquistanís de estar relacionadas cos responsábeis do ataque, e o goberno indio envioulle unha carta de protesta á delegación diplomática do Paquistán amosando o seu desgusto polo feito de que os atacantes viñesen do país veciño, e pedindo unha resposta contundente das autoridades paquistanís.

Os EUA decidiron involucrarse no conflito, de tal xeito que a secretaria de Estado norteamericana saínte, Condoleezza Rice vai viaxar esta cuarta feira a Delhi para interesarse pola situación no país. Ao tempo, Rice pediulle a Paquistán que colaborase coa investigación dos atentados.

Última hora: A India decide non emprender accións militares contra Paquistán


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



No Google Maps, sinalados os puntos que foron atacados en Mumbai (clique para ampliar)
No Google Maps, sinalados os puntos que foron atacados en Mumbai (clique para ampliar)
Mapa da cidade, sinalados nel os puntos onde se sucederon os ataques
Mapa da cidade, sinalados nel os puntos onde se sucederon os ataques
As tropas indias, tentando conter os ataques
As tropas indias, tentando conter os ataques
Candeas prendidas, lembrando os falecidos
Candeas prendidas, lembrando os falecidos
Efectos dos atentados
Efectos dos atentados