"Se es legal, es legal" é o lema baixo o que se afirma que compartir arquivos é ilegal e perigoso e non se fala das licenzas libres.
O Ministerio de Cultura, dirixido polo galego César Antonio Molina, acaba de poñer en marcha unha campaña contra a pirataría que culpabiliza o intercambio de arquivos. O seu lema é "Se es legal, es legal". Molina explicou que o seu obxectivo é "concienciar a cidadanía sobre o respecto aos dereitos dos creadores e das industrias culturais".
De feito, os argumentos que se expoñen na web da campaña parecen calcados dos que repiten constantemente entidades de xestión como a SGAE. Así, nunha sección titulada 'As dez mentiras', afírmase que as descargas sen ánimo de lucro son ilegais ou que os programas P2P son inseguros e deixan abertas as portas do noso computador.
Tamén resultan chocantes, nunha web dun ministerio e non dunha sociedade de autores, afirmacións como que "os autores, os artistas e as industrias de contidos de propiedade intelectual teñen o dereito lexítimo a gañar diñeiro, triunfar e ter unha carreira exitosa".
A sección de testemuños reflicte tamén supostas achegas de internautas nas que todos coinciden en condenar a "pirataría" e mesmo, cando critican o canon da SGAE, bótanlle a culpa á existencia de copias "ilegais".
En ningún momento se fai referencia a que hai utro tipo de licenzas alleas á propiedade intelectual tradicional, aínda que na sección de "descargas legais" se inclúe unha ligazón a un servizo que distribúe música Creative Commons: Jamendo. No apartado de ligazóns inclúese o acceso a unha web falsa de descargas de balde impulsada polo ministerio, Eltopdelasdescargas.com.