Uns 14.300 maiores de 18 anos retoman os seus estudos ao matricularse en clases de alfabetización, Secundaria, Bacharelato ou FP para adultos.
A cifra de residentes no país maiores de 16 anos que non saben ler nin escribir ascende a 52.800 galegos, un 1,9% da poboación, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) do terceiro trimestre deste ano. Esta taxa sitúase por baixo da media estatal, que chega até o 2,4%, onde a tendencia é ascendente, unhas cifras que se poden achacar fundamentalmente á chegada de inmigrantes, colectivo no que o analfabetismo é maior. Pola contra, en Galiza a tendencia é descendente: a taxa reduciuse unha terceira parte na última década, xa que nos primeiros anos dos 90 máis do 3% dos galegos non tiñan habilidades na lectura nin na escritura.
Ademais, en pouco máis de dez anos duplicouse a porcentaxe de poboación con estudos superiores, acadando o 15,11% do total en 2005 (en contraste, só sete de cada 100 galegos pasaba pola universidade en 1991 e só un de cada dez o facía en 1995). Doutra banda, ademais da cidadanía analfabeta, máis de dez de cada 100 persoas censadas en Galiza non teñen formación académica, é dicir, case un 14% dos galegos son analfabetos ou carecen de estudos básicos. Tamén é salientábel que a maioría dos analfabetos galegos teñen máis de 55 anos e que o xénero que máis sofre esta realidade é o das mulleres.
Programas de alfabetización
Este ano 14.300 galegos asisten ás clases de Educación para Adultos, que a Consellería imparte en 90 institutos e colexios de toda Galiza. Este tipo de ensino está pensando para aqueles que desexan obter unha nova titulación académica para optar a un determinado posto de traballo ou aqueles que non puideron finalizar os seus estudos. Esta estatística recolle, pois, a todos os alumnos que se matriculan tanto en clases de alfabetización, como Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional.
Se nos centramos nos datos dos que queren aprender a ler e escribir, matriculáronse 259 persoas. Son grupos reducidos, duns doce alumnos, que reciben clases para mellorar as súas nocións de lectura e escritura. Fundamentalmente soen ser xente maior de 50 anos e inmigrantes que teñen dificultades co idioma.