Os 56 mil habitantes de
Grenlandia -a maior illa do mundo con 2,2 millóns de quilómetros cadrados, o 81% cuberto por xeo- votan este martes en referendo unha ampla reforma do seu estatuto de autonomía que abre as portas á independencia total de
Dinamarca.
O novo estatuto, que substituirá ao aprobado en 1979, recoñece os groenlandeses como pobo con dereito á autodeterminación, a súa lingua como única oficial, amplía ao máximo as competencias que pode asumir o goberno e outórgalle a este o control dos hipotéticos ingresos procedentes do subsolo.
Este último punto foi o principal motivo de discordia entre Grenlandia e Dinamarca, e o que provocou un atraso de case dous anos na proposta sobre a reforma do estatuto, que unha comisión mixta elixida por ambos os gobernos tivo que acordar.
Segundo estimacións recentes podería haber reservas de cru equivalentes á metade das de Arabia Saudita, o que permitiría a un país que vive da pesca e da subvención anual de Copenhague, o 27% do seu PIB, ser autosuficiente.
Competencias exclusivas Ademais, o novo estatuto ábrelle a Grenlandia o acceso a competencias como política penal, policía, tribunais, estranxeiría e control de fronteiras e transporte aéreo. O financiamento será asumido polas autoridades de Nuuk, a capital grenlandesa.
Só seis áreas seguirán baixo control danés: Constitución, nacionalidade, Tribunal Supremo, defensa e seguridade, política monetaria e de divisas e política exterior, aínda que as autoridades grenlandesas deberán ser consultadas en cuestións internacionais que lle afecten ao seu territorio.
Aínda que o referendo é de carácter consultivo e ten que ser aprobado polos parlamentos de Nuuk e Copenhague, hai un acordo implícito de todas as forzas políticas para respectar o seu resultado. De gañar o
Si, o novo estatuto entrará en vigor o 1 de xuño de 2009, coincidindo cos 30 anos da autonomía grenlandesa, unha das dúas que
xunto coas Illas Feroe, ten o reino danés.
O seguinte paso, a independencia, debe contar tamén co apoio de ambos os dous parlamentos e ser aprobada en referendo só en Grenlandia. Os máis optimistas falan de 2016 ou de 2021, coincidindo cos 300 anos da colonización danesa, mais todo ha depender fundamentalmente do petróleo.