O equipo da súa rival, Ségolène Royal, protesta e pide unha nova rolda de votacións no seo do partido.
Martine Aubry
O Partido Socialista francés (PS) elixiu a madrugada do venres ao sábado a súa nova líder. Será a ex-ministra Martine Aubry, que se impuxo á súa rival, a ex-candidata á presidencia Ségolène Royal, por unha axustada vitoria e despois dunha noite marcada pola tensión e o nerviosismo entre os equipos das dúas candidatas.
Aínda que a dirección do PS asegurara horas antes de qeu non ofrecería datos oficiais polo axustado dos resultados, finalmente fixo público, ás 5:30 da mañá, un comunicado que revela que Aubry, alcaldesa de Lille, obtivera o 50,02 por cento dos votos dos militantes socialistas fronte ao 49,98 de votos que recibiu Royal: só 42 votos máis.
O equipo da ex-candidata ao Eliseo xa protestou polos resultados e pediu unha nova rolda, o que segundo Aubry "non ten razón de ser", segundo informaron medios locais recollidos por Europa Press. Horas antes de se coñecer o resultado definitivo, os partidarios de Aubry cantaban vitoria, algo que lle molestou enormemente a Royal e aos seus seguidores. A candidata manifestou que non ía renunciar até o final e considerou "moi grave" a reacción da súa opoñente.
En todo caso, a estreita vitoria provoca unha incómoda situación nun partido dividido que non foi quen de se unir para presentarlle á militancia unha candidatura con posibilidades de prosperar comodamente. O secretario do PS, François Hollande, convocou un consello nacional, que será o encargado de validar os resultados.
Só 134.784 dos 233 mil afiliados socialistas participaron nos comicios internos, malia que desta volta a vencedora será tamén probabelmente a candidata aos comicios presidenciais de 2012.
Máis información en: