Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 4 AO 7 DE DECEMBRO

A feira Cultur.gal chega este ano á Coruña

Presentouse a programación da Feira Galega das Industrias Culturais, con máis expositores e actividades para todos os públicos.

Redacción - 14:00 21/11/2008
A escola Sinsal participou na primeira edición, que tivo lugar en maio de 2007 en Pontevedra

A escola Sinsal participou na primeira edición, que tivo lugar en maio de 2007 en Pontevedra

Do 4 ao 7 de decembro vai ter lugar na Coruña a Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal 08. Chega á súa edición a plataforma de promoción da creación e venda de produtos e servizos culturais do país, desta volta no recinto feiral de Palexco.

Na parte expositiva estarán máis dun cento de entidades dos sectores creativos do país, que amosarán as súas novidades. Vieiros terá presenza na feira, como integrante da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME). A programación contará con presentacións de libros e discos, concertos, xornadas profesionais e actividades para o público infantil. A xente que se achegue á feira poderá coñecer o máis novidoso da creación galega actual e mercar produtos culturais con desconto.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou este venres a feira, acompañada do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará; da concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo; do director da feira, Nel Vidal; e o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín, no nome das once entidades que organizan o evento. Nun contexto de crise económica, Cultur.gal pretende contribuír a fortalecer o tecido empresarial privado da cultura galega, promocionando a súa actividade.

O programa da feira vai dirixido a todo tipo de público: adulto, infantil, profesional e xeral. Unha das actividades máis salientábeis é o Music.gal, espectáculo que se desenvolverá o sábado á noite e que se centrará na música, combinada con outro tipo de propostas culturais. Presentado por Belén Regueira e conducido por Chévere, terá as actuacións dos grupos Dios ke te Crew, The Homens, Projecto Mourente, Marful, O Sonoro Maxín, Proxecto Zocas, Yolanda Castaño e Estíbaliz Espinosa, e Pánchez e Nano4814, entre outros.

Tamén haberá preto de 30 presentacións editoriais, entre elas a de A corpo aberto de Manuel Rivas, O natural é político de Teresa Moure, Construcións de Eduardo Estévez, O globo de Shakespeare de Santiago Jaureguízar e Memoria de cidades sen luz de Inma López Silva. Presentarase, ademais, a Axencia Literaria Galega, primeira experiencia empresarial deste tipo no país.

O debate terá o seu espazo nas II Xornadas das industrias musicais de Galiza, a Xornada profesional sobre o libro e a edición e a Xornada vis a vis de novas tecnoloxías. Para os cativos, o Xabarín Club levará a preestrea da nova XabaXira o domingo 7 ás 18 horas. Pero para o público infantil haberá máis dunha ducia de actividades, dende un obradoiro de hip-hop até sesións de dobraxe, sen esquecer espectáculos teatrais e de contos.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: